Chile como exemplo: socialismo ou neoliberalismo

O primeiro día do ano 1971, hai agora medio século, o goberno de Salvador Allende nacionalizaba a banca privada en Chile, e faría o propio en xullo dese ano coa minería do cobre, produto do que era o maior exportador do mundo. A chamada “vía chilena ao socialismo”, porque se facía pacificamente a través do voto, tamén alentou a mobilización laboral e social durante a etapa de Allende, dado que o poder estaba en disputa; concretamente pasouse de 23 ocupacións de fábricas por folgas no ano 1969, a 523 só nos primeiros oito meses de 1971. Allende tiña gañado as eleccións pouco antes, en setembro de 1970, encabezando unha fronte de forzas de esquerda, e asumiu a presidencia o 3 de novembro dese ano.

O seu goberno distinguiuse polos avances económicos, laborais e democráticos en beneficio da maioría social. No ano 1971 até o mes de novembro aumentou o consumo de produtos básicos como as aves nun 16%, o porco nun 18% e as patacas nun 55%. A renda dos asalariados/as pasou dende o 51% do PIB en 1970 ao 63% un ano despois. 

A oligarquía non estaba disposta a aceptar estes cambios. Comezou unha forte confrontación: paro de transportes e, moi especialmente, desabastecemento de produtos básicos, para deteriorar a  economía. Ao que se sumou a captación das forzas armadas e a preparación de grupos paramilitares para o terrorismo. E por fin, en setembro de 1973 o golpe militar, perante o cal foi asasinado Salvador Allende. O golpe comandado polo xeneral Augusto Pinochet sustentouse na represión, contra persoas ligadas ao movemento popular (tres mil mortas ou desaparecidas e 40.000 detidas, torturadas). 

Esta ditadura permitiu ensaiar as políticas neoliberais que logo se ían estender por todo o mundo, xa que utilizando a redución de dereitos conseguiron baixar os salarios e prestacións, e privatizar as pensións e a educación superior, aumentar a extracción mineira, para competir no mercado internacional, elevando o PIB e xerando emprego. Chamouse o milagre chileno. Medio século despois este país destaca pola precariedade e desigualdade, o endebedamento das familias, e a falta de futuro. E ademais dende hai máis dun ano pola masiva protesta do pobo, e moi especialmente da mocidade, malia a dura represión das forzas de seguridade. O que se vendía como unha economía e réxime sólido hoxe esfarelase e está cuestionado, tal como se reflicte na votación a prol da Asemblea Constituínte. Todo unha lección dos resultados de dous modelos económicos e das consecuencias sociais e democráticas da súa aplicación

Chile como exemplo: socialismo ou neoliberalismo

Te puede interesar