Iniciativa en Recimil

|

o pasado xoves día 11 celebrouse en Recimil unha interesante asemblea, como iniciativa para a constitución dunha nova asociación veciñal, para substituír a anterior Asociación “El Pilar”, desaparecida en circunstancias lamentables. Foi aquela unha asociación case modélica, que chegou a ter máis de 800 socios e que desenrolaba unha importante actividade dirixida especialmente a fomentar o espírito de barrio e favorecer a cultura e o deporte dos máis pequenos. Pero a algúns partidos políticos estorbáballes e non pararon ata desfacela. 
Desexo que a nova Xunta Directiva, composta na súa maioría por mulleres, saiba coidarse das trampas e falsas promesas dos inimigos do barrio e que  non confíen nos que se din amigos, pois despois veñen os desenganos. Esas solidarias persoas, teñen por diante un difícil traballo, tratando de convencer a todos os veciños, de que existe para Recimil, algo mellor que o derribo. Ánimo, porque estando xuntos hai futuro! Seguro que si!  
  Entre os moitos e importantes problemas que terá que enfrontar a nacente asociación do barrio de Recimil, está o do recibo da auga, cuxo importe é dobremente inxusto, por ser arbitrariamente imposto o volume do consumo e pola falta de contadores, que fai imposible o control dese consumo. 
E velaí que, a nova directiva ten unha boa posibilidade de comezar con bo pé as súas xestións, participando o próximo xoves día 18, no acto convocado pola Plataforma dos Servizos Públicos ás sete da tarde, en protesta polos temas da auga e do saneamento, que aumentan de xeito esaxerado as facturas dos veciños, a maioría con pensións escasas e sen ter en conta o número de persoas de cada unidade familiar. 
Sería un bo adestramento para ir concienciando aos futuros socios no sentido de que, sen loita nada se consigue. E o barrio de Recimil ten unha longa historia de loita contra a estafa, a marxinación, as ameazas de derribo e os abusos de todo tipo. Abofé que si.
 

Iniciativa en Recimil