Nestes intres nos que pintan bastos, teño tempo dabondo para ler, sobre todo nas longas noites en vela. Non hai mellor xeito de pasar as horas mortas e amargas que coa compaña dun libro. Remexendo na libraría, atopei un publicado no ano 1982 titulado “... o llevarás luto por mi”. Nel, os seus autores Dominique Lapierre (Francia, 1931) e Larry Collins (EEUU, 1930), contan as peripecias, desventuras e fames dun rapaz, andaluz, nado en Palma del Rio, provincia de Córdoba que, coa súa teima e o seu coraxe chegou a ser, partindo da miseria, o toureiro de máis sona de España, pasando de ter que roubar para comer a multimillonario. Este é o leitmotiv dun libro ben documentado onde por riba, como pano de fondo, falan os autores da miseria que trouxo consigo a guerra incivil, chamada cruzada polos vencedores. Describen un país empobrecido onde a xente do común pasa necesidades sen conto, mentres unha elite de privilexiados xerarcas afectos ao réxime, corruptos, farsantes e fanáticos, que son os peores, fan grandes negocios especulando coa fame e a necesidade. Estamos a falar dos anos 50-60 do século pasado nos que se forxou a lenda e a fortuna de Manuel Benitez o Cordobés, un home afouto que acaba de cumprir 80 anos. O outro libro, un agasallo que me fixeron, acaba de saír do prelo. É unha historia ben artellada por Arturo Pérez Reverte, (Cartagena, 1951) na que nos relata uns feitos, mestura de realidade e ficción, que tiveron lugar nos primeiros meses da desfeita do 36. A trama é un intento falido de liberar a José Antonio Primo de Rivera, á sazón preso na cadea de Alicante onde foi encarcerado pola República no mes de marzo. No mes de novembro, dende o cuartel xeneral franquista establecido en Salamanca faise fracasar a misión por medio dunha, máis que sospeitosa, delación. Morren tódolos compoñentes do comando integrado por falanxistas e precipitase por riba o fusilamento de José Antonio. Abortouse deste xeito unha misión que de chegar a bo fin, houbera cambiado, sen dúbida, o curso da guerra e a historia de España. Da negativa de salvar ao fundador da Falanxe falouse sempre en voz baixa, que é como se falaba en vida do ditador deste e doutros escuros feitos que tiveron lugar naqueles tempos de apocalipse. O libro escrito co estilo directo e agre-doce do seu autor, léese dun tirón. Desfrutei coa súa lectura pero quedoume unha dúbida, ¿canto hai de realidade e canto de ficción nas súas páxinas? ¿É certo, como lle di o almirante ao protagonista, que Franco e o seu irmán Nicolás movían os fíos e non se paraban en detalles (sic)? O título do libro, é Falcó, o primeiro apelido do protagonista principal.
A todos, ¡Feliz Aninovo!