Os lectores de El Pais Semanal puidemos ler no de hai tres semanas unha interesante entrevista con Jean-Claude Carrière. Sobradamente sabido é que o octoxenario guionista (e tantas outras cousas) francés nos deixou importantes pegadas do seu quefacer en obras cinematográficas de Godard, Louis Malle, Tati, Miloš Forman... ou Luis Buñuel; velaí Diario de una camarera, Belle de jour, El fantasma de la libertad ou Ese oscuro objeto del deseo. Con Buñuel, penso que non convén esquecelo, tamén traballou un tempo o noso paisano ferrolán José Rubia Barcia, a quen tiven o pracer de coñecer da man de seu sobriño Xoán, compañeiro que foi de Facultade e desde hai anos veciño nesta páxina dominical.
Como o profesor da UCLA deixou escrito, no seu Con Luis Buñuel en Hollywood y después, cando ambos, exiliados nos Estados Unidos, quedaran sen traballo na Warner decidiran escribir un guión comercial e vendelo para ir tirando. De aí sairía The Bride with the Dazzled Eyes, La novia de los ojos deslumbrados, primeiro e logo rebautizado La novia de la medianoche, título que co que foi rexistrado, asinado en 1945 cos seudó¬nimos de L. Brunell e A. Aragón.
O filme acabaría por ser rodado e estreado en Galicia en 1997. Penso que menos coñecida é a actividade creadora de textos poéticos que foron divinamente interpretados por Juliette Grego, musa que foi do existencialismo, quen tanto me atraía nos anos mozos. Por muller e por libre, vista desde aquela pobreza intelectual -e non só- dos anos do franquismo. Sempre me emocionou e me segue emocionando escoitala cantar, por exemplo, “Le deserteur”, ese soberbio texto de Boris Vian. Recomendo, naturalmente, escoitala interpretando ‘poemas’ de Carrière como “Au temps où” ou calquera do álbum Un jour d’eté et quelques nuits (1998): “C’était un train de nuit”, “Le contre-ecclésiaste (rien n’est vanité)”, “Érotique 1”...
“De pequeño me moría de ganas por conocer el mundo. Ahora me apetece olvidarlo. Cuando pienso lo que está pasando en Oriente Próximo me entran ganas de ponerme una venda en los ojos. Siempre he querido visitar Alepo, pero ahora ya no me apetece”, di Carrière na citada entrevista. A min, que si tiven a sorte de coñecer esta bela cidade do noroeste sirio, xa perto de Turkía, penso que tampouco me apetece revisitala.
Prefiro quedar co recordo do que era a magnífica cidade antiga, patrimonio da humanidade: o castelo ou cidadela, ese grande palacio medieval fortificado, ou os zocos que conforman o fermoso conxunto de Al-Medina. Nun deles, non recordo en cal, merqueille a Isabel, ás súas costas, un ben bonito bolso de colorida tela que usa con frecuencia. Cada vez que escoitamos falar ou lemos novas desa loucura da destrución de Alepo, e de Siria toda –xente incluída, que é o peor–, comentamos que hai que conservar o bolso alepino, case como árabe reliquia.
Agora, despois de tanta morte e, principalmente, porque non saben que facer con tanto refuxiado mareado de aquí para aló, xa falan de que hai que parar a barbarie. E xa non é doado porque as actuacións do fanatismo islámico xa se lles foron das mans.
Só será posible, como parecen ter moi clariño os rusos, apoiando o exército lexítimo sirio, que segue mandando Bashar al-Assad, o presidente que pretendía retirar da circulación. E nesas andan, que fanáticos e fanatismos hai abondos.