Concerto ben temperado

A Sociedade Filarmónica acertou unha vez máis ó traer á cidade de Ferrol un concerto ben temperado no fondo e na forma. Dous músicos austríacos e un alemán formaron parte da selecta triloxía que  abarca dende o período clasicista ata o romántico. Mendelssohn, o máis novo, logo Haydn tres meses maior e ao final o excelso Mozart foron os mestres cuxas obras formaron o repertorio da Orquestra Filharmonía de Galicia para deleite dos afeccionados a este tipo de música catalogada como clásica ( hai outras músicas clásicas), que abarrotaron o teatro conscientes de que o evento pagaba a pena.
De principio contarei unha anécdota: preto de min sentouse unha parella e puxéronse a mirar o programa de man. El comentou: “un bo repertorio para unha orquestra mediocre”. Non sei exactamente se foi “mediocre” o cualificativo, pero a cousa ía por aí. Ao final aplaudiron, pero el non reparou en soltar unha última arroutada do típico “entendido”: xa rematou isto sen pena nin gloria. Respectando as opinións alleas e aquilo de que para gustos píntanse as cores, debo dicir que non estou de acordo co comentario deste espectador que, polo visto, xa viña predisposto á crítica negativa denantes de escoitar o concerto.
Baixo a batuta dun director moi novo ( 25 anos) a orquestra comportouse de xeito sobresaínte. Piero Lombardi soubo sacar o mellor desta formación que xunto coa Sinfónica de Galicia son un orgullo para todos aqueles que amamos, dun xeito ou de outro, a música , unha música que sae de Galicia para o mundo coa única mágoa de ver que aínda non hai moitos músicos galegos dentro destas orquestras aínda que estamos no bo camiño para acadar nun futuro un porcentaxe máis equitativo.
A obertura de “As Hébridas” de  Mendelssohn abriu o concerto e axiña puidemos intuír o que viña por diante.  Unha orquestra ben temperada, sobria e compacta no seu son realizando un traballo máis que digno para deleite dun público ávido de emocións. Logo chegou Haydn coa Sinfonía 44 en mi menor “Fúnebre”, un dos máximos representantes do período clasicista, coñecido como o pai da sinfonía e segundo el chegou a manifestar: condenado a ser orixinal. Foi moi amigo e compañeiro masón do terceiro músico en concordia que puxo punto e final ao concerto: Mozart. Mozart é un deses músicos que ten unha pegada especial, característica que queda gravada no ouvinte aínda que non sexa melómano.Soan os primeiros compases e un di: Mozart. Poucos poden deixar ese selo. A orquestra Filharmonía de Galicia amosou oficio, profesionalidade e calidade. Os afervoados aplausos ao final do concerto, así o certifican. Tal foi a ovación que, e isto non é frecuente,  o director ofreceu un bis saltando literalmente sobre a tarima contaxiado, sen dúbida, polo entusiasmo do público. Semella que estamos no bo camiño dando pasos seguros para chegar, segundo palabras de Mozart, a que a xente sexa redimida polo arte e reconciliada coa natureza e o absoluto.  Haydn chegou a dicir do seu amigo: “a posteridade non verá tal talento outra vez en cen anos” e abofé que tiña razón. Ó inconformista dígolle: no escenario do teatro non estaba a Filarmónica de Berlín, unha das mellores do mundo, oxalá  algún día fose posible, pero estaba a  Filharmonía de Galicia é a moita honra, que tampouco che é moco de pavo.

 

Concerto ben temperado

Te puede interesar