A capacidade para o disparate nestes tempos que estamos a vivir semella que non ten límites. En nome de non sei que democracia fanse, óense e dinse as maiores tolerías. Vexamos algúns exemplos de actualidade, propagados polos medios de comunicación, prensa, radio e TV.
Empezarei pola teima que non cesa da exhumación de Franco. Abonda xa de tanta polémica, o mellor que poden acordar, uns e outros, é deixalo estar onde está. De tal exhumación ninguén vai sacar proveito algún, soamente gastos, problemas e desgustos. Así que mellor que siga descansando en paz, si é que pode despois de todo o que fixo e o que deixou de facer. Xa se encargará o tempo de colocar, definitivamente, a cada un no lugar que lle compre.
Paliza a un bebé de dous meses. Lido nos xornais, unha parella, semella que os seus propios pais, foron os autores de tal fazaña. Non sei a vostedes, pero a min, cando lin a noticia, por riba de outras consideracións, o primeiro que se me ocorreu foi pensar ¿como hai que facer para pegarlle unha paliza a unha criatura de dous meses?
Falando de palizas, o pasado xoves día sete, en pleno centro de Ferrol, dez valentes, en nome de non sei que reivindicacións, déronlle unha malleira a un home seica con intencións homicidas. Ao parecer o agredido, que tivo que ser hospitalizado, “é un maricón, roxo de merda e aínda fillo de puta” (Sic), segundo os seus agresores. Grandioso, anque a proporción de dez contra un, paréceme excesiva, non si?
O avogado defensor do “Chiclé” autor convicto e confeso da violación e morte de Diana Quer, pide para o seu defendido, supoño que é a súa obriga, pouco máis que dous anos de cárcere, disque por homicidio imprudente. Un home, o tal “Chiclé”, con antecedentes demostrados de roubos e violacións, semella que pode “saír de rositas”, como se soe dicir. Ata a próxima violación, e que siga a roubar gas-oíl dos camións, para o seu flamante Alfa Romeo.
En contraste co anterior falan os xornais dunha nai ameazada con dous anos de cárcere por por darlle unha labazada ao seu fillo que non quería pasar pola ducha.
Cousas, seica da democracia, estas que conto, e moitas outras que están a pasar. Non sei si para solucionalas saen agora os de Vox reclamando a autorización, democrática segundo eles, de poder utilizar armas de fogo. Todo deus coa pistola ao cinto, ou co fusil ao lombo, como noutros tempos. ¡A quen se lle ocorre!.
De Cataluña, dos cataláns e do procés falamos, se cadra, outro día. Non estou seguro se foi Don Quijote o que dixo, “Cousas veredes amigo Sancho, que non creredes”.