VIAXEIROS EN LISBOA

Cos pés apegados ao chan
nunca veremos as belezas
nin as miserias do Mundo.


Lisboa antigua repousa chea de encanto e beleza. Din os portugueses que o que non viu Lisboa non viu cousa boa. Teñen razón, sen dúbida é fermosa, “chea de encanto e beleza ao vestir tan airosa”, como di a letra da canción de Galhardo e doVale.
Portugal, Lisboa, teñen vilas e lugares ben lindos, así como cidades encantadoras, principalmente onde viven os ricos e por onde transitan os turistas. Cascáis, que loce riqueza, explendor e apoxeo. Bo gusto nas edificacións, nos paseos, nas rúas e uns servicios de todo tipo, fóra de serie. De encanto as vilas de Sintra,  Óbidos, Nararét e a mariñeira de Ericeira, fermosa e tranquila “Com cheiro a tradição e luz de nostalgia”.
Aínda que, a dicir verdade en Galicia, en España nada lles temos que envexar aos portugueses. Claro que en Portugal explotan todo cara ao turismo, ata a Boca do Inferno, que acantilados coma eses témolos a ducias por Galicia. Vaia!, se temos.
Portugal, Lisboa, a quen tanto cantou dona Amalia da Piedade Rodrigues (1920-1999) mestra do fado a quen choramos, non só os irmaos portugueses.
Cando penso en Lisboa,  cando estou alí, sempre escoito aínda que non soe a música nin falen voces, “Grándola vila morena” e imaxino ao admirado cabaleiro da Revolução dos Cravos, José (Zeca) Afonso e os fusiles dos soldados, enfeitizados con caraveleiras vermellas chamando á luita e á unidade do pobo a favor da Liberdade, da Xustiza e da Paz… E consciente ou inconsciente escoito na lonxanía, “Terra da Fraternidade”.
Portugal, Galicia, España, tres países irmáns (que ben puideran ser un) para vivir, pasear, ver, amar, aínda que como dicía Fernando Pessoa: “Tudo o que vemos é outra coisa”.
A maioría de veces viaxamos para coñecer novos pobos, novas culturas, disfrutar das paisaxes, museos, arquitecturas, relaxármonos; aínda que a maioría das veces volvemos para descansar á casa. A verdade é que en tódalas viaxes sempre se aprende e se adquire experiencia…
Falando de Portugal, gusto da poesía de Camões, Pessoa e Gilda Nunes. A esta,  que naceu en Lisboa no 1973 coñecina en Ferrol no ano 2000, da forte artística e sempre amiga man de Manuel Patinha, recoñecido pintor e escultor. “Para onde avançan todos os seres? / No que se fundem? / Ainda vemos ou já estamos cegos? / Por que é que não conseguimos viver bem com o que em nós pulsa? / Será que somos todos a mesma humanidade?
Estrofa primeira do poema Quando virás, do libro Vertigem Velada, de Gilda Nunes Barata, quen compón unha fermosa lírica que se articula entre o real, o imaxinario e o espiritual. Entre o intelectual, a harmonía, os sentimentos e o destino.
Luís Vaz de Camões, poeta renacentista portugués (1524-1580) autor de Os Lusíadas, obra mestra da literatura portuguesa. Escritor característico do Renacemento que reflexou a fermosura e a hamonía terreal. Tamén escribiu Acto de Filodemo, Acto de Anfitriões, Alma miña gentil e un soneto especial á morte da súa amada Catalina, así como numerosos e fermosos poemas en castelán.
Fernando Pessoa (1888-1935), lisboeta de nacemento aínda que cidadán do mundo, poeta bohemio que tivo relación cos escritores máis coñecidos da súa época. Místico, herdeiro do romanticismo. Pessoa tendo unha amplísima obra nunca tivo en vida o recoñecemento que merecía.
Viviu modestamente en relativa obscuridade e morreu na ruína. En vida tivo só un par de libros editados. “Não sou nada. / Nunca serei nada. / Não poso querer ser nada. / Á parte isso, tenho em mim todos os sonhos do mundo…”.
Para falar de literatura, Pessoa frecuentaba o café A Brasileira na lisboeta praza do Chiado (Antonio R. Chiado Ribeiro foi tamén un importante poeta portugués)…
Con divertido grupo de camaradas xubilados –reformados en lingua portuguesa– viaxei a Portugal e bebín gostoso café na cafetaría A Brasileira, onde Pessoa e os seus amigos. Gostoso pero non máis que os que se poden tomar en algunhas cafetarías da nosa comarca, aínda que os cafés que alí catei soubéronme a gloria recordando o sacro lugar no que me atopaba.
Xa digo, visitamos de Lisboa cara ao norte e salvo Cascáis, algunha zona da capital lisboeta e vilas históricas e mariñeiras preparadas moi refinadamente para o turismo, nótase a crise. A crise deteriora de xeito importante a vida e os servizos dos países do sur de Europa.
Chamoume a atención o artigo “Carta aberta o uns pedaços de merda” que o jornalista Ferreira Fernandes dirixe no Diario de Noticias aos controladores responsábeis (amigos, di) do FMI: “Saibam que austeridade pode ser autodestrutiva… Contraproducente… Já vocês não têm esses estados da alma… Que mao gusto ficar sem emprego…Vocês som ratinhos sem alma com gravata vermella, aves de arribação  que están a facer muito dano. Transcribo salteando.
Aves de rapina, ratas de sumidoiros que só defenden o deles, ao gran capital, nunca aos traballadores nin ao pequeno e mediano empresario. Máis que pedaços de merda, digo eu. E os gobernantes apláudenlles.

 

VIAXEIROS EN LISBOA

Te puede interesar