O prezo da saudade

Mírese como se mire, a perda dunha libraría sempre ha de ser visto ou sentido como un suceso triste, como unha noticia, cando menos, desalentadora. Algo de nós, á fin e ao cabo, que se perde para sempre. E falamos dun nós exclusivo, dese sumando de persoas, lectoras sobre todo, clientes deste tipo de estabelecementos que as seguimos sentindo como elemento esencial para a nosa cultura. Estabelecementos que, con todo, teñen evoluído substancialmente co decorrer dos tempos. Desde a libraría dedicada de modo diferencial á venda do único produto motivo do seu nome, libro, á que combina esta tarefa coa venda de xornais e revistas, até aqueloutra en que a esencia do nome comeza a perder o primitivo sentido de libraría/papelaría para se converter noutra cousa (xoguetes, complementos, lambetadas e demais).
Efectivamente, e como estarán vostedes a pensar, estámonos a referir ao feche da libraría Quijote e ao letreiro que J. L. Santalla, o seu dono, pegou no vidro do escaparate: “Cerrado por melancolía”. Este escaparate central e os dous laterais están hoxe tapados con papel que impiden ver o interior do local. Só por debaixo de tan conmovedor letreiro existe unha sorte de pequena xanela á cal nos podemos asomar e ver un libro de Isidoro Blaisten nun atril, cuxo título é a frase aludida. O propio Santalla explicábao hai uns días. O citado escritor arxentino rexentara unha libraría en Bos Aires, até que en 1981 decidiu fechala e colocar este letreiro no escaparate en que recoñecía o seu fracaso como libreiro, pero non como posterior escritor –indica Santalla–, cuxo manexo do absurdo e unha aguda sutileza no sentido do humor caracterizaron a súa obra.
Os tempos corren tristes, canto ao mundo cultural se refire. O actual goberno tense asañado co produto cultural de maneira moi particular, sexa para as artes escénicas, cinematográficas e a música, sexa para o do libro. A aplicación do 21% do IVE ten lastrado de forma brutal a produción, e a asistencia a actos desta natureza polo seu evidente encarecemento. Fagamos o inciso, iso si, do IVE rebaixado ao 10% que afecta a pintores, marchantes, fotógrafos, performers e galeristas que o goberno aprobou a principios deste ano, provocando non certas suspicacias no resto do sector, como talvez un acto que poida favorecer á xente dun elevado poder adquisitivo, fronte ao resto que, poñamos por caso, pretenda comprar unha entrada para poder ver un filme nunha sala de cinema. As  medidas recadadoras tiran desta solución maxistral para evitar, de certo, a fuxida dun substancioso capital que así, e aínda que rebaixado ao 10%, o estado asegura. Mais Sáenz de Santamaría di que se trata dun primeiro paso, que xa se verá se se ha de aplicar ao resto. E é que a crise económica, unha vez máis, parece estar detrás do que vimos contando.
Outro debate aberto, aínda que parello, pode ser se a industria cultural debe seguir contando coas subvencións de que se valía ou se a internet e as redes sociais teñen mudado hábitos até agora descoñecidos e hoxe estamos a pagar as súas consecuencias. A pirataría, no audiovisual e na música, están á orde do día. Combatela é cousa de tolos, polo que se fai ineludíbel ter que reinventar, case nada!, ambas as industrias. O que está bastante claro é que o comercial e o cultural poden gardar un espazo común compartido, aínda que non sempre sexa así. Estámonos a referir canto a produto de consumo de masas. E aí é onde realmente podería chocar co asunto das subvencións amentado. A cultura non se caracteriza historicamente por ser do gosto das masas, ao requirir dunha certa formación para aprehendela. É un ben moi pouco tanxíbel, demasiado abstracto, e exposto aos vaivéns da crítica, e extenso de máis para ser tratado agora.
Mais regresando ao mundo do libro de que falabamos: os parámetros poden ser equiparábeis nun certo sentido aos das outras artes. A lectura non é má adicción, ben ao contrario, favorece o intelecto a medida que se estimula. Hoxe, porén, comezamos a estar demasiado afeitos á lectura electrónica (webs, twitter, facebook, WhatsApp, etc.). Mesmo os libros electrónicos son a nova baza das administracións para os textos escolares. O e-book, e aínda sen substituír o libro de papel, constitúe unha alternativa tan real e práctica como a outra. E isto, en suma, equivale a dicir que non podemos pór unha venda sobre os ollos, porque a realidade de anos atrás mudou e xa non vai ser nunca igual. Velaquí o prezo da saudade que provocou que J. L. Santalla fechase o seu Quijote, pois este tipo de libraría está condenada á desaparición. Helios tamén o fixera no seu día en Ferrol, ou Nós na Coruña, ou González en Compostela. Disque o mundo do libro non desaparece, transfórmase. Mais os maiores sentimos saudade dese mundo que mudou. Os máis novos, no entanto, observan como eses contedores chamados librarías mudan o seu sentido primixenio. Porque os contidos, caso de querelos ou necesitalos, é obvio que poden ser adquiridos doutras maneiras.

 

O prezo da saudade

Te puede interesar