Buster Keaton e Sherlock Holmes Jr. con sorpresa

Quero confesarlles, antes de máis, a redescuberta que veño de facer do mundo de Buster Keaton. Cúlpome, si, de ter albergado un certo prexuízo durante algún tempo a respecto da súa figura, cuxo coñecemento parcial –algún que outro gag e O maquinista da General–, fora o causante deste engano, e que entendo claramente insuficiente para poder facer unha valoración xusta da súa produción, ora como director, ora como actor. Mais tampouco o seu alcume, Cara de Pau, é que facilitase demasiado, digamos, esa falsa idea que hoxe, pola contra, desexamos poder corrixir. E é que unha vez vista esta delicia de filme, Sherlock Holmes Jr. (1924), o prexuízo de que partiamos veu abaixo de vez, observado agora con outros ollos, moito máis atentos e predispostos, ao recoñecermos o seu ímprobo labor a prol do cinema silente e a cinematografía en xeral ao longo da súa historia. Alén diso, co aliciente engadido de saber que nunca utilizaba dobres ou especialistas para as escenas de risco, de feito chegou a producirse unha luxación de pescozo rodando unha escena de Sherlock Holmes Jr. 
Dentro do breve ciclo de cineconcertos que se están a realizar no Jofre, con Berlín. Sinfonía dunha grande cidade, que foi o primeiro, Sherlock Holmes Jr., de Buster Keaton, o segundo, e o terceiro, The kid, de Charles Chaplin, que será para o próximo 28 de abril, acabará este fantástico ciclo grazas ao esforzo conxunto de Edicións Embora e o Concello de Ferrol. 
Espléndidas fitas e non menos espléndidas as músicas en directo de ambos os intérpretes, a do jazz-rock progresivo da banda Pegasus, no mes pasado, e a do piano de Jordi Sabatés, con predominancia de tons jazzísticos sobre os demais. Música envolvente e perfectamente sincronizada que nos fixo gozar, máis unha vez, doutro fermoso filme silente, acompañado de sorpresa no final, pois puidemos visionar a primeira parte dunha curtametraxe, The playhouse (1921), de algo máis de 6 minutos. Curtametraxe en que o propio Buster Keaton interpreta simultaneamente todos e cada un dos personaxes dun teatro, incluídos os músicos dunha pequena orquestra. Son unha serie de trucos humorísticos en que se produce unha duplicación constante; mais as cousas raramente son o que en principio parecen ser. 
Argumentalmente, Sherlock Holmes Jr. preséntanos o proxeccionista dun cinema en horas baixas que adora o mundo detectivesco. Inxustamente, será acusado do roubo dun reloxo na casa da súa prometida. Será expulsado despois de lle ter achado no peto da súa chaqueta o tique dunha casa de empeño. Humillado, regresa sobre os seus pasos e chega ao traballo. Na cabina de proxección, así que se pon en marcha o filme dese día, fica durmido. Na fita cinematrográfica prodúcese o roubo dun colar de pérolas. Buster Keaton, o proxectista, desdóbrase no soño e entra dentro do filme, de forma que se converte en Sherlock Holmes. Vanse sucedendo múltiples gags e peripecias típicas do cinema silente, preferentemente, cómicas, até que se descobre ao ladrón do colar. A moza a quen lle pedira a man, paralelamente, decide ir ao prestamista co recibo que lle fora encontrado na chaqueta. O prestamista descríbelle o home fisicamente e ela cae na conta de que non era Keaton, senón o outro pretendente que coincidira na casa xunto del no día da pedida de man. 
A trama en si non garda complexidade maior que a que vimos de expor. O elemento cómico, habitual neste tipo de cinema, é sobresaínte. Son realmente antolóxicas as persecucións tolas, dunha moto a un automóbil, ou a fuxida de Keaton dos ladróns, as argucias de como se esconde, ademais dun truco excepcional de escapismo despois de saltar dentro das vestimentas dunha vella. O tema da honra, de como tenta resarcirse do engano a que foi conducido, lógrase grazas á introdución do estado onírico, coa resolución do caso mentres soña, dándose así un final feliz e ficando o protagonista, definitivamente, coa súa pretendida. O filme, após esta extraordinaria irrupción do mundo dos soños, conseguira captar a atención dos surrealistas, Dalí e Buñuel sobre todo. Federico García Lorca, como citamos alá encima, inspirarase neses seis minutos da curtametraxe The playhouse para escribir a súa peciña dramática El paseo de Buster Keaton (1928). A xénese desta peza teatral estará na máscara multiplicada de Buster Keaton, a cal nos desvelará algúns dos seus demos internos. 
Así, o feito da súa ambigüidade sexual ou o seu encadramento no folclorismo, que o granadino repudiaba, e a crítica contra o feroz capitalismo estadounidense, en que o cinema se torna quizá na única vía de liberdade. 
En definitiva, o cinema vangardista de Buster Keaton foi capaz de influír, como acbamos de ver, en moitos dos nosos grandes coetáneos. Buster Keaton é capaz de nos facer conmover, pensar e divertir; capaz de conseguir que teñamos agora unha visión diferente á terxiversada de que partiamos; fique aquí, pois, esta nosa pequena homenaxe póstuma, libre xa de calquera prexuízo.
 

Buster Keaton e Sherlock Holmes Jr. con sorpresa

Te puede interesar