Mobilización social útil

Convocados pola plataforma unitaria SOS Sanidade Pública, moitos milleiros de persoas percorreran, este domingo, as rúas de Santiago de Compostela para defender a sanidade pública galega “contra o deterioro da Atención Primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos Hospitais Públicos; en contra, tamén, das listas de espera inaceptables e a precariedade do persoal da sanidade pública”, entre outras moitas razóns aínda, co foco posto no calado, pero teimoso e incansábel, proceso de privatización dos servizos sanitarios universais que van sendo transvasados á iniciativa privada para lucro mercantil dun negocio crecente que trouxo ás grandes corporacións de aseguradoras, laboratorios, entidades financeiras e grupos sanitarios foráneos á procura de coller a máis grande das talladas que lles sexa posíbel no menú do investimento económico dos servizos sanitarios, propios e indirectos, incluído o arrendamento de hospitais.

Mobilización social necesaria porque a política sanitaria do actual Goberno Galego está caracterizada polos “recortes de recursos, o desmantelamento dos hospitais, e con maior virulencia dos hospitais comarcais, o abandono da Atención Primaria, a vulneración de dereitos das persoas con problemas de saúde mental, a falta de recursos neste nivel de asistencia, os recortes no desenvolvemento do plan de atención integral á saúde da muller, a ocultación e manipulación das listas de espera, a situación de precariedade e mesmo explotación do persoal e a privatización”, en denuncia da plataforma promotora desta convocatoria de reacción social que tamén advirte de que “esta política sanitaria está levando á sanidade pública a un punto de difícil retorno se non a paramos entre todas e todos”. Por iso, “chegou o momento de concentrar os esforzos de toda a cidadanía e colectivos sociais e profesionais, por encima das lóxicas e lexítimas diferenzas, nunha gran manifestación de defensa da sanidade pública galega e contra o seu deterioro e privatización”. Para petar na porta dos responsables da xestión sanitaria galega. 

Mobilización social útil que non vai ser impedida pola parva decisión do Sergas de impedir a colocación de carteis nos centros hospitalarios e de Atención Primaria, con mensaxes críticas a súa xestión ou para tentar impoñer un falso relato alternativo ao manifesto da convocatoria de protesta; senón que amosarán a súa eficiencia como instrumento de presión, necesario e xusto, en contra dunha política sanitaria que remata de ser obrigada, pola eficacia da reacción  cidadá, a retrucar a orde de pechar o servizo de partos dun hospital. 

Mobilización social útil

Te puede interesar