O PRIVILEXIO DA PATRONAL

|

La patronal CEOE ven de ocupar titular central cunha nova, e impresentable, proposta de acentuar a precariedade laboral que xa é completamente asfixiante, aproveitando a total e absoluta ausencia dun goberno en estado de grave desorientación cun presidente dado á contemplación mística da paisaxe nos camiños do Salnés, que incrementan si cabe máis a súa tendencia ao mutismo.
O voceiro empresarial ven de pedir que se amplíe a reforma das condicións de traballo eliminando, o que el considera, “privilexios” do contrato indefinido para pasar a un sistema no que imperen outros a tempo parcial por anos, meses, días e mesmo por horas. Non chega ver que, practicamente, todas as contratacións recentes son precisamente a tempo limitado. Non, queren máis, moito máis.
No seu peculiar desafío ao Goberno buscan alterar os vencellos contractuais do pasado, eliminando dereitos. No mesmo espazo da prensa na que se dá conta desta desafiante iniciativa do empresariado, podemos ver outra nova que nos conta a morte dun asalariado, na modalidade de “becario”, logo de pasar tres días enteiros traballando sen descanso por presión da empresa. Pese a súa mocidade, o corpo non aguantou máis e agora, familia e humanidade enteira, choran o seu falecemento. Moderno escravismo.
Si, esa é a solución que semellan concibir, patronal e gobernos cómplices, para rematar coas listaxes de traballadores á procura de emprego, verdadeiro termómetro da situación económica e social dun país. Miran para atrás na evolución da historia humana e toman como ideal o modo de produción escravista, na que non existen dereitos nin salario para quen realiza o traballo.
Neste sistema, o posuidor do capital non ten obrigas, limítase a acumular obxectos de luxo, inmobles, grandes fortunas e títulos de escravos. Camiño tentador e fácil. Porén, esta nova achega na dirección de afogar, si aínda cabe máis, a situación límite á que se somete a regulación do traballo por conta allea, debe propiciar unha viraxe no debate público e pór o acento nun dos aspecto que é tabú: a dos salarios, e outros privilexios, dos executivos empresariais.
Causa espanto, e mesmo mareo, ver as cifras que moitos deles perciben mercé a contratos blindados. Na Suiza está en marcha un referendo que propón a súa limitación, cun máximo de doce veces o menor dos salarios na empresa. Ese é o camiño para recuperación. Tomemos boa nota.

O PRIVILEXIO DA PATRONAL