Entendo que adxectivos como vil, infame, canallesco son os máis apropiados para cualificar o episodio de compravenda dunha vivenda do que hai un tempo foi protagonista o señor Espinar, don Ramón, senador por designación da Comunidade de Madrid e portavoz de Podemos na Alta Cámara. O feito de que non mediase ningunha ilegalidade e de que operacións de rápido lucro como esa fosen frecuentes non lle restan gravidade a este tipo de actos. Non me parece nada ético aproveitarse de vendas de vivendas de protección con plusvalía. Sentín vergoña allea escoitando as explicacións do líder madrileño do “Podemos más rebelde”, nas súas propias palabras. Soábanme tanto a irreais que me veu á cabeza Vladimir Propp, coas súas Transformacións dos contos marabillosos. Porque non me digan que non deberon ser marabillosos os miles de euros que se embolsou o señor Espinar? Os seus colegas de Podemos non ven nada de malo nesta exemplar actuación. Quen obrou mal foi quen deu a coñecer o asunto. E así ata a próxima. Vaia rebeldía!