Violencia de xénero

A violencia entre humanos e singularmente dos homes para as mulleres é algo que demanda de todos máis atención. Se ben o pensamos, en ningún caso, na sociedade  actual que dicimos civilizada e moderna, debería ter cabida esta violencia agresiva que  chega a causar danos físicos e incluso a morte entre seres humanos. Non é doado comprender que é o que estivemos a facer durante tantos miles de anos de historia que levamos vivindo xuntos, mulleres e homes e procreando fillos nunha unión que dicimos amorosa. Tampouco cal veu sendo a causa de que non fósemos quen de formarnos mellor durante  tantos séculos para aprender a convivir unidos vencendo os impulsos agresivos que puideran xurdir en situacións extremas. Non deberíamos esperar máis en poñernos a revisar o sistema patriarcal, de por si dominador das mulleres e dos nenos, que se veu impoñendo no decorrer da historia con unha máxima: “Hai que obedecer por enriba de todo aos pais e aos superiores en idade dignidade e goberno”. Os miles de anos de historia que levamos vivindo neste mundo chamado a terra, deberían ter servido como capacitación para superar e limar as asperezas que dificultan a convivencia en grupos, e principalmente en parella. Pero para moitos, como vemos a diario, aínda aparece coma un sistema empoderado  por esta tradición. O que está a pasar coa referida violencia é un resultado de que gran parte da poboación masculina non teña superado debidamente os instintos innatos da violencia coa que os homes tratan de impoñerse á súa parella, á súa propia muller, empuxados pola educación que mamaron nos peitos de este sistema. 
A explicación que da a ONU é que este tipo de violencia vai dirixida contra unha persoa, entanto que é muller, dun xeito psicolóxico considerada propiedade do seu amo, do patrón. É “a súa muller”. O agravante que dificulta corrixir esta situación encontrase en que habitualmente esta violencia permanece oculta no propio fogar, sen alarma, salvo excepcións. Porque non sempre se trata de golpes físicos senón, peor aínda, dos psicolóxicos e morais. Urxe pois que isto se entenda coma un problema de toda a sociedade para prestarlle atención urxente. Porque a violencia destrúe a institución familiar, o valor máis importante que temos como sociedade. Trátase logo de unha lacra brutal que os avances logrados co benestar social e económico non contribuíron a remediar ata agora. O problema é de todos e por iso ninguén debe sentirse excluído de ter que contribuír á busca de un camiño novo. O primeiro paso consiste en tomar conciencia clara do problema e de por que chegamos a esta situación tan brutal. A violencia aparece e mantense cando se dan as condicións axeitadas: a debilidade por unha parte e o poder patriarcal por outro. A sociedade precisa de persoas dispostas a adquirir o compromiso e atender a chamada. Temos diante aínda o derradeiro exemplo máis escandaloso, a violación en Pamplona, no San Fermín. 
 

Violencia de xénero

Te puede interesar