GALLEGOS DE M…

|

Antigamente a maior aspiración de calquera nacido en espazo galaico era traballar para o Estado, de aí que os autóctonos optasen a seren conserxes dun ministerio capitalino ou formar parte do corpo de tropa e mariñería ou da fiel infantería. Pero claro, aqueles eran outros tempos e por aquí poucas oportunidades había de medrar na escala social, un nacía legoeiro e así alcanzaba o retiro, anos máis tarde podía chegar a comandar unha coia de peóns pero pouco máis, até hoxe cando miles de galegos len, escoitan e ven que catro agraciados sen ningún mérito aparente alcanzan o soño de todo ser vivo destas terras que non é outra cousa que ir ver gratis un partido de fútbol a Chamartín, para máis indicacións en Madrid, entre o Barcelona e o equipo branco ou outro equipo de champions.
O que resultaría interesante é coñecer onde se aloxaron na capital do Reino e o máis importante, que fixeron pola noite. Sería bo saber os cafés cantante que visitaron e con que vedettes compartiron mesa e mantel nas súas esmorgas pola noite madrileña.
É que é o de sempre, que nos vendemos por catro pesos, tres euros ou menos. Non é de estrañar que sempre que se meten connosco nos chamen “gallegos de mierda” porque temos un nivel de suborno polo chan ou máis abaixo. Segundo os relatorios da trama Pokémon, houbo que tivo algo de estilo e recibiu unha entrada para o concerto de Bruce Springsteen en Santiago. Teño que recoñecer que para min ten algo de clase, aínda que tamén me persiste a dúbida de que talvez aceptaría o agasallo se fose un vale para un recital de Los Chunguitos con dereito a consumición. Con independencia de que un cargo público se venda a unha empresa, polo menos facelo con xeito e postos a pedir, que os regalos teñan glamur e non o prezo de tres claretes.
Pero así somos, calquera cousa de fóra e mellor que o de aquí e menos mal que imos camiño da extinción biolóxica porque a nosa autoestima está en baixa ou de saldo. Calquera mesetario vén por aquí con catro ideas de aplicación toledana e sempre hai un grupo de aborixes que se unen ao predicador para montar unha manifestación contra outros galegos. Se a nula fecundidade non acaba connosco, nós mesmos xa nos lanzamos á pira a empurróns, aínda que algúns leven reloxos Maurice Lacroix ou Tag Heuer regalados, porque pasar do Casio ao Cartier de repente pode ser de graves consecuencias psicolóxicas. Os galegos aínda non asimilamos o salto de motocicleta ao Mercedes e iso que polo medio fixemos prácticas nun BX.

 

GALLEGOS DE M…