Demos si; máis por listos que por demos

Hai un tempo un mítico membro do PP español dicía “ojo con los del BNG que son el demonio” nunha canle de TV española, sen explicar os motivos de dita afirmación e, se me apurades, sen que viñese ao caso a gratuíta aseveración.
Máis un, mirando concellos como por exemplo Allariz, onde o BNG leva máis de vinte cinco anos governando en solitario,  pregúntase: quen é o demo? Vai para mais de vinte anos este concello xa levaba un premio europeo polo modelo urbanístico que adoptou, sen mencionar a potenciación dos produtos locais (mel, queixos, cervexa, carnes etc...), dándolles un selo ecolóxico e de calidade que, hoxe en dia é recoñecido non só no país, senón a nível español e internacional, creando emprego e riqueza na localidade
Tamén podemos falar de San Sadurniño, que hai uns anos traia de Xenebra un premio por ser o mellor de Europa na inclusión das persoas maiores no mundo das novas tecnoloxías. Un concello pequeno e do rural que, a pesar da discriminación no diñeiro que recibe do Estado (hai que dicir, como todos os concellos galegos, os cales, reciben menos cartos que os concellos españois, xa que non se atenden as nosas realidades) consegue este premio ademais doutros, no mundo da educación xuvenil o no deporte. Cabe destacar neste caso tamén a aposta polos produtos autóctonos e locais, os cales están a ser recuperados, como por exemplo, determinadas clases de mazás (conseguiron recuperar unha clase de mazá local que é a que mellor sidra fai do Estado) e outros froitos creando un posíbel nicho de negocio no rural, para novos emprendedores ou aposta tamén por un modelo de xestión de residuos ecolóxico e que xera beneficios tanto económicos, ao reducir a factura do lixo enormemente, como medio ambientais, en vez de ser un lastre económico pesado para o concello.
Outro exemplo é tamén o concello de Pontevedra, que, en datas recentes acaba de recibir premios por todo o planeta polo seu deseño urbanístico, recibindo incluso eloxios do presidente afro-americano dos EEUU; iso si, Feixoo e Raxoi non se deberon decatar destas distincións mundiais ao concello de Pontevedra. Un deseño pensado para os transeúntes e non para os vehículos de motor e que é exemplo a seguir por todas as cidades do planeta, conseguindo reducir as emisións de CO2 á atmosfera ademais de conseguir un aumento da mobilidade dos seus veciños. Un governo, o do Sr. Lores, que non se lle torce o brazo na súa loita para recuperar a ría de Pontevedra para a súa veciñanza, nunha loita de David e Goliat contra a celulosa e que, a pesar de que o governo en funcións do PP no Estado prorrogou a concesión da pasteira ENCE setenta anos, saltándose toda a legalidade vixente, xa que non ten dereito un governo en funcións a facer esta concesión, o concello de Pontevedra (a Xunta do PP nin abre a boca e mira para outro lado) segue a loitar para recuperar unha ría que é posibelmente das máis produtivas, quer en cantidade, quer en calidade, en ameixas e outros produtos do mar, polo menos de Europa e onde antes da instalación de ENCE na ría, daba traballo e sustento a centos e centos de persoas e que tras a instalación da pasteira, perdeu case a totalidade da súa riqueza. Unha ría que se se recupera e xestiona adecuadamente, podería ser un nicho de emprego no marisqueo e na pesca, o cal, nestes tempos tan difíciles que nos está a tocar vivir, podería dar traballo e salarios dignos a varios milleiros de persoas directamente ademais tamén dos postos indirectos que xeraría.
En definitiva un tras ouvir as verbas de Celia Villalobos (PP) que o BNG son o demo, un pode afirmar que ten toda a razón, mais, “Son o demo máis por listos que por demos”, porque nesta vida, hai que facer as cousas con cabeciña e non é que o PP non use a cabeciña, ao revés, eles son expertos en usar a cabeciña, mais úsana para se favorecer a eles mesmos e a ese 1% da poboación que son inmensamente ricos en beneficios económicos e inmensamente pobres á hora de pagaren os impostos que lles corresponde como todo fillo de veciño. Unha forma de governar deste PP que vai totalmente en contra total das maiorías sociais, é dicir, en contra das clases traballadoras e os pequenos burgueses, que tanta desigualdade e miseria (nunca vista desde tempos da ditadura militar) creou nestes derradeiros anos, xestionando unha crise con unhas políticas que seguen a favorecer a economía especulativa causante desta crise, en vez de promover a economía produtiva xeradora de emprego e riqueza para a clase traballadora e o pequeno empresario; iso si, unhas políticas avaladas pola patronal e os dous sindicatos maioritarios españois, que, como repito, foron en contra da maioría da poboación e en beneficio dunha minoría moi minoritaria, repleta de prebendas, plusvalías e privilexios.
 

Demos si; máis por listos que por demos

Te puede interesar