A Europa desaparecida

A imaxe de un neno de tres anos que aparecía morto nunha praia turca –porque o mar se encargou de  votalo fora para que o vísemos–, fai estremecer as entrañas de quen manteña un mínimo de sensibilidade humana. O neno viña coa súa familia a Europa, nunha patera que naufragou, á busca dun benestar soñado, que non é tanto, pero si moito mellor do que eles teñen. Pero as portas de Europa están pechas para estas mareas humanas carentes da nosa cultura técnica e de medios para desenvolvérense socialmente a este nivel. A Europa humanista está desaparecida. Fuxiu coa entrada no mercado común e no euro. Agora vivimos nun mundo absorto e dominado polos intereses económicos no que predomina o mando o comercio e a feira. Todo xira en torno á compra e a venta, e por iso a importancia absoluta está no diñeiro, no euro. Viuse moi ben reflexado na negociación do rescate de Grecia na que, para o politburó europeo, os cidadáns eran só consumidores. A prioridade está no valor do diñeiro que ten cega á inmensa maioría da poboación. Polo diñeiro mórrese e mátase se é necesario. Iso é o que retrata ese meniño afogado e exposto pola marea nunha praia da entrada en Europa. E para quen estea interesado, as consabidas preguntas: onde quedan os sentimentos, a solidariedade e a disposición compasiva co necesitado, co marxinado, co pobre e co inválido? Certo que existen algunhas organizacións benéficas solidarias. Grazas a elas. Pero o máis preocupante está en que estas serven con frecuencia de escusa para que a inmensa maioría dos cidadáns pasen dando as costas e cerrando os ollos ante estas realidades sangrantes. E non debería ser así. Porque somos imprescindibles para lograr o cambio que Europa necesita. Pódese comprobar observando como os gobernos sómente prestan atención cando se ven forzados pola opinión pública e as organizacións políticas populares. Para todos hai un papel nesta traxicomedia representada nesta hora pola Comunidade Europea. A responsabilidade dos cidadáns estaría en servir de contrapeso fronte ao poder absoluto da Comisión, xorda e cega, que non é quen de reaccionar ante a realidade que a rodea. Vivimos actualmente nun mundo globalizado do que os europeos importamos produtos elaborados fóra por man de obra barata. Persoas que traballan sen seguridade social e con salarios de miseria que non lles chegan nin para comeren. É a desesperación a que os forza a poñérense en camiño, e xogar a vivir ou morrer, forzando como sexa as portas de Europa.
 

A Europa desaparecida

Te puede interesar