O ximnasio ven de ser un centro de reunión social como noutrora o foron as perruquerías, con moito máis individualismo eso si porque no ximnasio fálase menos e cada un vai ao seu sen reparar no que están a facer os demais. Pero hai que ver a variedade de xente coa que te atopas no ximnasio! Hai de todo: xente que se toma eso de facer exercicio de diferentes maneiras, uns con máis rigor e outros con menos coidado.
Sen entrar en profundidades, gustaríame facer algunhas observacións dende a perspectiva do sentido común e nada máis. E en primeiro lugar quixera referirme a aqueles que se machucan sen piedade, coma si se lles fose a vida niso, case ata a extenuación. Menos mal que no ximnasio hai desfibrilador (DESA) e menos mal tamén que ata onde eu chego, por sorte, non foi necesario estrealo. Esta xente posiblemente estea a competir consigo mesmo ou queren facer ver aos demais que están nunha forma física estupenda. Non sei que dirá o seu corazón, ese musculiño que temos aí dentro no peito que funciona sen que teñamos control sobre el, que latexa entre 50 e 100 pulsacións por minuto e ao que non lle deberamos dar máis traballo do que pode soportar.
Hai unha sinxela formula que pode axudar para coñecer a frecuencia cardíaca máxima á que podemos chegar segundo a idade: ao algarismo 220 restámoslle os anos que temos. Por exemplo vexamos onde estaría o linde de F.C. nunha persoa de 50 anos; 220-50=170ppm como cumio, eh! Como os aparellos para facer exercicio aerobio marcan a frecuencia cardíaca, con non subir de aí non corremos risco de que o corazón sufra máis do necesario. Logo hai xente con obesidade, algunha mórbida, que está ben , moi ben, que fagan exercicio físico pero é necesario complementalo cunha dieta axeitada para reducir peso., De pouco vale exercitarse no ximnasio se despois nos metemos entre peito e costas unha enchente de graxas saturadas, pero si, si, teñen razón, máis vale iso que nada. No ximnasio hai un son característico que se mestura cunha música que sae dunha emisora desas que chaman de radio fórmula.
Cando os aparellos están en plena actividade, cando se está a correr sobre esa cinta que se move baixo os teus pes, un zum,zum rítmico e cansiño inunda todo o local, e se pechas os ollos tes a sensación que estás na sala de máquinas dun barco, dunha nave que non se move pero que podes facer que avance coa túa imaxinación, namentres unha balada suave, cadenciosa, serve de estímulo aos que estamos intentando activar un pouco o noso organismo máis aló do que nos depara unha vida cada vez máis sedentaria. Son os sons do ximnasio, que non son precisamente os sons do silencio, uns son que algúns tratan de compatibilizar cos saídos deses dispositivos móbiles dos que moitos non son capaces de prescindir, así que non é nada raro ver como das orellas dalgúns/as penden cables que van ao aparello móbil xa sexa teléfono ou mp3. Máis dun ponse a wasapear, outros contestan chamadas pero a pouco de que observes, á penas ves que se manteñan conversas co veciño que tes ao lado dándolle aos pedais da bicicleta estática, esa que non te leva a ningures. Eu as veces fágome a pregunta de que fago aquí aos meus anos e a resposta ven rápida: estou aquí porque me sento ben e o que é mellor, séntame ben.
Os seres humanos estamos aquí para vivir e actuar en colectividade e o feito de compartir unha actividade como a de facer exercicio no ximnasio resulta máis estimulante que actuar coma un eremita. Pois veña logo, a coidarse todos un pouco!