A rata de metal

|

Rata, para o espazo cultura occidental, é substantivo feminino co que se nomea ao “roedor da familia dos múridos, semellante ao rato pero de maior tamaño, do que existen dúas especies en Europa, que se alimenta de todo tipo de desperdicios producidos nas aglomeracións humanas”. Para o pobo chinés é símbolo do seu aninovo que vén de comezar este pasado 25 de xaneiro, nun aparente atraso a respecto do calendario universal aínda que, nunha hipotética competición sobre datas, este aspecto tornaría ao seu favor sabendo que eles van xa polo ano 4718 no seu histórico almanaque, instrumento de cómputo cronolóxico que é tan válido na organización das súas vidas como tamén é o que usamos por estes lares atlánticos. 

Malia ser inverno meteorolóxico, nunha sutileza lingüística, a remuda anual para eles é Festival de Primavera, tomando como data tránsito unha que, na consideración da retranca galega, é un “depende” do día que sexa coincidente coa Lúa Nova no calendario lunisolar que marca a entrada do aninovo nesta cultura popular herdeira da devoción polo universo rural. Así, non existe a mesma regularidade a respecto da entrada dos novos anos. 

No occidente sucede regularmente cada primeiro de xaneiro. No ámbito oriental é variable, depende da lúa nova que media entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera. É a natureza a que marca o ritmo da vida. Icona simbólica que se completa coa advocación asociándoa a unha figura do horóscopo chinés que conta con doce animais de referencia. Este é o ano da rata de metal, toda vez que ao animal considerado engádeselle unha variable relacionada con cinco diferentes elementos da natureza de xeito que non se repetirá esta mestura ata pasar outros sesenta anos máis. Agoiro enigmático.

As véspera non son ningunha boa nova. Mágoa, coa xénese dunha pandemia iniciada polo “coronavirus de Wuhan”, afectando a miles de persoas contaxiadas e a outros millóns de cidadáns prexudicados polas medidas de protección, para minimizar o seu efecto de propagación, son andazos que fan da celebración festiva un trago amargo. No ámbito planetario, lémbrase a centenaria “gripe española” e o seu efecto demoledor para unha poboación que soportaba o derradeiro efecto dunha guerra internacional. 

Tempo de intervención da Organización Mundial da Saúde coordinando a emerxencia sanitaria para reverter esta situación, agarando da enerxía positiva que vaticina o horóscopo a favor da rata de metal.

A rata de metal