PUNTOS DE VISTA

Hai un par de semanas puidemos ler e escoitar titulares nos que se daba conta de que o Parlamento Europeo condenaba a persecución política en Venezuela. Mais tamén, case tanto como a resolución, se destacaba que os parlamentarios europeos de Izquierda Unida e Podemos votaran en contra. Coma quen, “estes dando sempre a nota”. Días máis tarde, esta última semana mesmo, unha das noticias máis rechamantes foi a de que o Ministerio de Servizos Civís de Arabia Saudí convocou oito prazas de funcionarios relixiosos para realizar execucións, debido a que o número dos actuais non é suficiente para afrontar o incremento do número de condenados a morte. No que vai de ano xa se están achegando ó centenar. Mercé á difusión desta noticia, os alleos ó tema da pena de morte –vade retro!– puidemos coñecer detalles tan sinistros como que a macabra profesión, malia que salarialmente figura na escala máis baixa do funcionariado saudí, é das máis solicitadas nesa feroz ditadura monárquica de Oriente Medio. No sei se o actual rei de España seguirá tendo os comportamentos fraternais de seu pai con sátrapas dese nivel. Sempre que mostraban imaxes de tanta campechanería, confeso que me entraban tremendas ganas de devolver. Máis, se cadra, que os bicos e apertas cos monarcas marroquís, pero que agora non veñen ó caso. Soubemos tamén que o fetén, fetén son os axustizamentos con cimitarra, instrumento que as xentes da miña xeración coñecemos de cativos lendo as aventuras do Capitán Trueno. A cimitarra vale tanto para segar cabezas, como para amputarlles membros a condenados por delitos menores. O problema é que escasean os que a manexan con total precisión e efectividade e por iso tiveron que botar man dos fusilamentos, maneiras pouco ou nada acordes coa tradición, coas esencias de toda a vida. Bromas á parte, o feito é que isto é así tal cal. Case que día si, día tamén se producen este tipo de espectáculos públicos. Porque son públicos e, naturalmente, gratuítos. Como bares non hai... E agora a pregunta do millón. Escoitou alguén por aí grandes voces condenatorias de toda esta absurda barbarie? Moveu algunha ficha no Parlamento Europeo o Partido Popular, o que maior representación ten, tanto española como en conxunto, para poñer coto ós desmáns dos ditadorzuelos da chilaba branca? Fixo algo a Casa Real española? Os medios de comunicación airean os nomes das formacións políticas que si denunciaron con firmeza eses abusos contra a condición humana? Tódalas respostas son negativas. Pode argumentarse que estivemos en campaña electoral, mais nesa situación en ningún momento deixou de estar presente a cuestión venezolana. Non fai falta dicir por que. Ben pensado, entre nós, que agora somos todos tan demócratas, a pena de morte non hai tanto que foi abolida. Recordo perfectamente os fusilamentos ordenados polo último Consello de Ministros de Franco en setembro de 1975. Como tamén a execución a garrote vil –a última con este tamén despreciable sistema– de Salvador Puig Antich, o ano anterior. Mais sobre a pena de morte no franquismo e sobre os brazos executores das sentencias, o verdugos, coñecidos como “ejecutores de sentencias”, funcionarios que eran do Ministerio de Xustiza, quedáronnos, cando menos, dúas xoias do celuloide. A primeira, El verdugo, dirixida por García Berlanga –con Rafael Azcona, como co-guionista–, estreada en 1963, curiosamente o ano do fusilamento de Julián Grimau, con maxistrais interpretacións de Pepe Isbert e o italiano Nino Manfredi, que teño visto nunhas cantas ocasións. A segunda Queridísimos verdugos, rodada en plena ditadura, mais estreada en 1977. Excelente documental baseado nos testemuños de tres verdugos. Lástima que estas pezas tivesen que ser construídas dando contas de realidades noxentas. O curioso é que hoxe, como daquela, a sociedade hipócrita que temos condena os verdugos, mais non tanto a pena de morte. Condena alegremente Venezuela, mais non máis que xustificadamente Arabia Saudí.

 

PUNTOS DE VISTA

Te puede interesar