Por fin os afeccionados á musica de cámara tiveron, tivemos, a oportunidade de gozar desta especialidade musical no concerto que o outro día, organizado pola Sociedad Filarmónica Ferrolana, tivo lugar no teatro Jofre no que ultimamente era frecuente ver á excelente Orquestra Sinfónica de Galicia e á non menos valiosa Real Filharmonía, así que había certa expectación por escoitar a un cuarteto cunha música tan característica e intimista como é a de cámara. E esta oportunidade veu da man do Cuarteto Di Roma, un conxunto do máis clásico neste tipo de musica, dous violíns, unha viola e un violonchelo.
A música de cámara chegou a salas de concerto logo de pasar por espazos moi pequenos, cámaras, salas particulares nas que os músicos se reunían para pasalo ben tocando. Era bastante frecuente que entre os interpretes se atopara o compositor o que viña a ratificar ese momento de divertimento que se buscaba tocando así en cuarteto, aínda que tampouco era estraño a reunión de ata doce músicos, pero a formación clásica creada por Haydn, reitero, é a do cuarteto. Unha música como dixen intimista na que non hai un instrumento solista, senón que no caso do cuarteto, os catro xogan un papel protagonista compartindo discursos apoiándose sen director e colocándose de maneira que os músicos se poidan ver entre eles para acadar máxima coordinación e compenetración que se logra cando os músicos son suficientemente solventes. Non é solo cuestión de tempo, que tamén, senón de profesionalidade, de calidade.
O Cuarteto de Roma resultou ser un grupo perfectamente conxuntado, un cuarteto con oficio onde os catro instrumentos soaban ensamblados e cunha medida do tempo exacta formando un todo único, perfecto. Así é a música de cámara ben tocada e así o público puido gozar do repertorio elixido para este concerto que comezou con Mozart e o seu Cuarteto en do maior K465 “Disonante” onde no seu primeiro Adagio-Allegro o compositor apunta á orixinalidade e por que non dicilo, á xenialidade introducindo esas disonancias máis propias da música contemporánea que do clasicismo maxistralmente representado por el. Logo, claro, Mozart retoma e volve as súas máis puras esencias.
Seguiulle Franz Schubert co seu Movemento nº 12 en do menor, unha peza chea de connotacións intimistas moi propias do Romanticismo do que Schubert é considerado introdutor, na que o Cuarteto Di Roma deixou claro por que se atopa nese reducido grupo onde están os mellores cuartetos de cámara deste tempo.
Mesmo Puccini tampouco é alleo á música de cámara malia ser recoñecido coma uns dos grandes compositores de ópera. Nesta versión dos Crisantemos para cuarteto de corda queda patente a gran carga de melancolía que destila esa música que se estás triste é capaz de poñerte máis coitado, e esa é precisamente a grandeza da música, a capacidade que ten para se adaptar a calquera estado de ánimo.
O concerto rematou co Cuarteto en mi menor de Verdi, outro compositor operístico que fixo esta exclusiva incursión na música de cámara sendo a única obra para cuarteto composta por un autor italiano no século XIX. De Verdi está todo dito e non serei eu quen insista nas bondades deste insigne compositor de cuxo talento sae este Cuarteto en mi menor maxistralmente interpretado por Cuarteto di Roma.