Para alén dos resultados das eleccións catalás, resulta evidente que o modelo de Estado actual non vale, e só se podería manter se as clases dominantes optan por estreitar aínda máis o marco democrático e por medidas represivas, diante de conflitos territoriais que van ir a máis. Hai quen dirá que todo dependerá do que tamén aconteza nas eleccións xerais. Mais coido que non será así, porque os partidos opositores a calquera reforma terán capacidade para impedir a maioría cualificada necesaria. Un modelo confederal, o único que daría certo acougo ao conflito, só sería posíbel se os donos do poder ven como unha realidade a independencia de Catalunya, e que outras nacionalidades comecen a realizar a mesma andaina.
Por vontade propia, a alta burguesía e os partidos da súa orbita non tomarán ningunha iniciativa. Saben que o marco actual favorece a centralización da riqueza e do poder, o que vai sempre asociado á súa concentración. Un exemplo é Madrid, que ficando no medio dunha meseta, afastado do mar, converteu o poder político en potencialidade económica, de emprego e demográfica, ao envés que Galiza, malia a súa extensa costa, riqueza enerxética, gandeira, forestal e en determinados minerais. Outorgar soberanía ás nacionalidades históricas terminaría potenciando a actividade cultural, mais tamén a económica, e polo tanto os grupos empresariais propios. A soberanía non é unha cuestión secundaria cando falamos da economía, do poder. Non é polo tanto só un aspecto democrático ou de defensa da cultura e identidade.
Daquela que sexan importantes as esixencias catalás para Galiza. O propio Núñez Feijóo, cando o subconsciente o traizoa, reclama do Goberno central iguais competencias que Catalunya, en caso de que se lle dea un trato singular.
Mais, se como el afirma acotío, a Generalitat pide cousas que non teñen tino, por que pensa esixilas tamén? Por que se suma ao erro?... Fáino porque sabe que a maior capacidade de decisión maior desenvolvemento, e porque resultará moi evidente que é así para o electorado galego. Non podería seguir vendendo un trato beneficioso do Estado coa Galiza, que os feitos máis evidentes negan.