Kirk Douglas

|

Triste nova, na primeira páxina, como non podía ser doutro xeito. O día 5 de Febreiro do 2020, morre en Beverly Hills (California) aos 103 anos Issur Danidovich Demsky, máis coñecido polo nome artístico de Kirk Douglas. Aínda onte acordeime del e da súa avanzada idade, como unha premonición.

Nado en Amsterdan (New York) en 1916, fillo de campesiños rusos emigrados a USA. Un exemplo perfecto do “self made man” americano. Despois dunha infancia sumida na pobreza, o fillo do Trapeiro, chegou a formar unha das familias con máis arraigo no mundo do cine, muller, fillos, netos e bisnetos que hoxe choran a súa morte.

A súa relixión foi o Xudaísmo Conservador e en política pertencía ao Partido Demócrata. Segundo seu fillo Michael,... un ser caritativo cuyo compromiso con la justicia y las causas en las que creyó sentaron un estándar al que aspirar todos. Foi asemade figura clave na eliminación das listas negras ante-comunistas en Hollywood. De ideas de esquerda, o que con toda seguridade, custoulle o premio Oscar da academia do cine, ao que foi proposto tres veces.

Estudou na mesma universidade na que traballaba de xardineiro e de bedel. Durante a segunda guerra mundial serviu na Armada na que acadou o grado de tenente. Completou estudos na Academia Estadounidense de Arte Dramático. Home de ampla biografía, traballador incansable, radio, cine, teatro e TV, actor e produtor era posuidor de varios premios e homenaxes ademais do Oscar honorífico que lle concederon en 1996 como recoñecemento á súa longa e brillante carreira.

Lenda dourada, irrepetíbel, do cine de Holliwood, protagonista de 92 películas, sendo de destacar Espartaco (1960) dirixida por Stanley Kubrick e El loco del pelo rojo (1956) dirixida por Vincent Minelli, películas míticas, inesquecibles na historia do Sétimo Arte. O mundo do cine, o mundo enteiro da cultura, está de loito co pasamento deste home. É de esperar que, a nivel mundial se lle fagan os homenaxes que, sen dúbida merece por toda a súa traxectoria e bonhomía. O meu, de admiración e agradecemento polos marabillosos momentos pasados coas súas películas, aquí o deixo, neste humilde apunte.

Non me resisto a transcribir aquí as verbas emocionadas da súa nora Catherine Zeta Jones, xunto a unha fotografía retrospectiva onde a podemos ver dándolle un tenro bico na meixela ao seu sogro: “Para mi querido Kirk, te amaré el resto de mi vida. Ya te extraño. Que duermas bien”.

A calquera lle gustaría un epitafio semellante.

Kirk Douglas