Atrancos

n maio de 1938, cando aínda non se consumara a vitoria das forzas que apoiaran o golpe de Estado de xullo de 1936, as autoridades do bando franquista xa publicaran decretos que afectaban aos nomes cos que se podían inscribir as crianzas Recollíase tamén a imposibilidade de “convertir en nombres los apellidos”, extensible aos pseudónimos.
Esta situación, con pequenas variacións do texto legal e con maior ou menor rixidez na súa aplicación, estivo vixente case catro décadas, isto é, ata o 4 de xaneiro de 1977, data da reforma da Lei de Rexistro Civil, que ampliaba a posibilidade de inscrición en calquera das linguas españolas. No texto reformado recollíase, así mesmo, que “a petición de los interesados”, “el encargado del Registro sustituirá el nombre propio, impuesto con anterioridade a la vigencia de la presente Ley, por su equivalente enomástico en cualquiera de las Lenguas españolas. La sustitución será gratuita”.
Eu fun unha das persoas que aproveitou a nova situación para cambiar oficialmente o nome á súa forma galega, algo que xa fixera na vida extraoficial algúns anos antes. Mais, curiosamente, aínda na actualidade, sempre que vou mercar unha pasaxe aérea, me seguen preguntando se no DNI ou no pasaporte o nome figura con X, porque ten que coincidir ao pé da letra o nome que figura no billete co do documento de identidade para que te deixen viaxar.
Isto vén a conto do artigo sobre pelexas nos Rexistros aparecido no Diario hai uns días. Non matinaba eu que tanto tempo despois e após unhas cantas reformas no articulado desta Lei algunha xente seguise tendo problemas á hora de inscribir fillos e fillas. Tal como recolle o artigo, e como non podía ser doutra maneira, a Lei fala de que non se poden poñer nomes que prexudiquen a persoa, se ben, ás veces, non está tan claro o que pode crear problemas e o que non. Poñerlle Trinidad ou Resurrección a unha nena semella que non é problemático, mais se é neno? Resurrección María Azkue chamouse o académico electo pola RAE, en 1927, para representar o euskera. Descoñezo se o nome lle trouxo contrariedades. Hai casos de nomes idénticos para nenos e nenas, por iso non comprendo o exceso de celo á hora de dificultar poñerlle Ari a un rapaz. Nin tampouco lle vexo problemas ao de Cariño tanto a neno como a nena. E outro tanto penso de Lluvia de Abril. Ter optado pola solución italiana para os compostos  tería sido boa solución: Lluviadeabril. Ningún problema de guións, se é que iso o fose.

Atrancos

Te puede interesar