As “Muxicas” de José Ricardo García Espiñeira: a vida en cinco mil refráns

As “Muxicas” de José Ricardo García Espiñeira: a vida en cinco mil refráns
José Ricardo García Espiñeira, profesor xubilado, co libro que vén de publicar | jorge meis

José Ricardo García Espiñeira recoñécese “amante” da sabedoría popular que con tanta precisión e amplitude recolle o refraneiro. Comezou de cativo a recompilar os ditos en castelán pero desde hai tempo puxo o foco tamén nas formas galegas. O resultado, máis de cinco mil refráns que agora vén a luz da man da editorial Azul Cobalto.


García Espiñeira explica que a súa intención nunca foi publicalos e por iso fala con agarimo e moito humor –unha das chaves do refraneiro– da “traizón” do seu fillo. “El sabe que a min me gustan estas cousas”, sinala, “e, sen dicirme nada, decidiu levalo a unha editorial para publicalo e facerme ese agasallo”.


“Muxicas” é o título deste volume que reúne unha vasta colección de refráns en galego. “Eu tiña unha morea de ditos en castelán, pero un día pregunteime: E por que non en galego? E así comecei”, lembra.

O resultado, unha colección na que moitos lectores recoñecerán as formas de toda a vida e, tamén, outras menos frecuentes ou coñecidas. En todo caso, José Francisco pensou que, para poder interactuar ou facer partícipe ao lector, sería boa idea introducir algún incentivo, neste caso un xogo. “Para que non se fixera pesado poñer toda a lista dos refráns, o que fago é non dálos completos, senón que deixo a última parte para completar; por exemplo, “Ovella que bala, bocado que....”. Dese xeito creo que se fai máis ameno e permite tamén implicar a quen os lea”.


“Ademais de gozar moito recollendo estes ditos, creo que pode ser útil para os rapaces e as persoas que queiran aprender galego”, explica o autor do libro


Veciño do barrio ferrolán de Ultramar, a paixón de García Espiñeira polo refraneiro popular está tamén vencellada coa súa profesión. Agora está xa xubilado, con tempo para dedicarlle a esta afección, pero ao longo da súa vida profesional pasou pola Escola Obreira e os colexios Reis Católicos –hoxe Cruceiro de Canido–, O Feal e A Solaina. “Nesa etapa, nas conversas e as tertulias cos compañeiros, sempre xurdía a ocasión de meter un refrán, e a todos nos facía pasar un bo rato e botar unhas risadas”, sinala, aínda que, á marxe desa veta lúdica, o autor cre que pode ser útil para aprender galego. “Non deixa de ser unha curiosidade, pero tamén algo aproveitable para quen queira aprender o idioma”.


Agora, coa “traizón” do fillo, José Ricardo puido ver publicado unha obra na que investiu tanto tempo. Para as persoas interesadas, o libro está á venda na libraría Limiar, da rúa Venezuela, que acolleu con moito interese o traballo do autor. Alí poderán partillar co profesor non só a súa afección, senón tamén cachos da sabedoría popular transmitida de xeración en xeración. 

As “Muxicas” de José Ricardo García Espiñeira: a vida en cinco mil refráns

Te puede interesar