Hai poucos días quedei atónito cando vin o vídeo no que Sira Rego, eurodeputada de Unidas Podemos Cambiar Europa, expón a presunta complicidade da Comisión Europea cos fabricantes de vacinas nas operacións de compra das mesmas. Poden velo -se é que non o viron xa- en youtube (#TachónGate).
Cando un grupo de deputados e deputadas solicitou o acceso aos contratos para a adquisición de vacinas asinados pola Comisión Europea e determinadas multinacionais farmacéuticas atopou unha resposta, que despois se transformou nunha posibilidade de realizar a consulta cunha serie de condicionantes previos: unha cláusula de confidencialidade, ter vixilancia funcionarial, acceso sen calquera tipo de dispositivo elctrónico e menos dunha hora para revisar moreas de páxinas. Moita traba para o exercicio dunha función que non debía ter problema ningún. Mais algún problema debía haber cando moitas das páxinas aparecían censuradas coa información máis relevante riscada parra impedir a súa lectura.
O visto deixaba patente que os responsables da Comisión Europea non tiñan interese ningún en que se coñecesen as actuacións levadas a cabo no tema. Moita opacidade e pouca transparencia que contrasta -como lembra a parlamentaria- co que as normas da UE lle esixen ao máis pequeno dos concellos sobre o gasto dos fondos públicos.