A Festa das Pepitas logra o título de Interese Turístico en Galicia

A Festa das Pepitas logra o título  de Interese Turístico en Galicia
unha das rondallas ferrolás, durante a súa actuación no teatro jofre o pasado mes de marzo j. meis

A Festa das Pepitas acaba de ser declarada de Interese Turístico en Galicia, un trámite que desde o Concello se iniciaba o pasado mes de febreiro e que onte, no Consello da Xunta, tivo un resultado satisfactorio. Para o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, trátase dunha distinción “que confirma o que xa ben sabíamos o conxunto dos ferroláns, que As Pepitas merecía este recoñecemento por tratarse dunha tradición moi arraigada no corazón de todos os veciños e veciñas da cidade e ser unha celebración singular de Ferrol”.
Segundo o rexedor local, con este título increméntase a proxección do evento máis aló de Ferrolterra e, con el, a imaxe de toda a cidade. Explicou nun comunicado de prensa que “terá efectos positivos na economía local co previsible aumento de visitantes que traerá consigo a maior difusión deste festexo”. Ademais fixo partícipe da súa “enorme satisfacción” ós rondallistas e agrupacións que saen á rúa e ós cidadáns que se implican no éxito desta iniciativa.
O acordo do Consello da Xunta (no que tamén se recoñeceron a Festa da Castaña de Folgoso do Courel e o Entroido dos Xenerais da Ulla) especifica que as Pepitas cumpren os requisitos que se piden para obter a declaración e, ademais, “que constitúe un importante reclamo para a zona”.
Así, este evento ferrolán, ten a antigüidade mínima precisa de dez anos. De feito, dátase a súa orixe nos finais do século XIX e a súa potenciación, coa saída de novo das rondallas á rúa a cantarlle ás mulleres na véspera do 19 de marzo, ronda o cuarto de século. Tamén cumpre os criterios de singularidade –pois non se celebra nada semellante en Galicia e incluso as agrupacións fixeron demostracións noutros lugares de España nos que tampouco se coñecía–, de arraigamento –hai unha ampla participación cidadá– e de valor cultural, pois supón un enriquecemento musical continuo, tanto pola busca e recuperación de cantigas de hai anos como pola renovación do repertorio.
A declaración de Festa de Galicia de Interese Turístico implica a inclusión no Rexsitro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma, facilita a promoción e tamén dá vantaxes á hora de optar a axudas públicas para a súa realización.

case un cento
Coas novas declaracións, Galicia conta con 93 Festas de Interese Turístico. En Ferrolterra teñen esta condición o Festival de Ortigueira e a Semana Santa de Ferrol, por ser de interese internacional e nacional, respectivamente. Ademais, a distinción turística que outorga a Xunta tena a Romaría da Fraga das Pontes desde o ano 2001 (festa que se celebrará este domingo porque foi suspendida polo accidente de tren en Santiago). A Festa do Polbo de Mugardos obtívoa no ano 2009 e as alfombras florais que se tenden sobre a rúa en Ares con motivo do Corpus foron distinguidas en 2011. Este mesmo verán sumouse ó clube a Festa do Pan de Neda.

A Festa das Pepitas logra o título de Interese Turístico en Galicia

Te puede interesar