Na entrega da semana pasada falaba da posta en marcha de “¡TERRA A NOSA! : Bibrioteca Popular Galega. Supremento de EL NOROESTE. Editorial Prensa Gallega S.A.” que, tal como publicitaban, era o primeiro folleto galego que periodicamente ía publicar unha serie de contos, novelas, comedias e poemas dos mestres da nosa fala, como así foi, nos 16 números que publicou. Vimos como, despois dun número de presentación o 10 de febreiro de 1919 aparecera o primeiro número, con Contos da forxa de Euxenio Carré Aldao. Logo apareceron outros dous números no propio febreiro e a partir de aí tres números por mes, os días 10, 20 e 30. O n.º 4 informaba dos traballos que se tiñan recibido para o Certame Literario que convocara Terra a Nosa e facía saber que os premiados serían publicados segundo a opinión do xurado, que estaría composto por representantes do xornal El Noroeste, da Academia Gallega, do Centro Regionalista, do Instituto de Estudios Gallegos, da Irmandade da Fala e do boletín A Nosa Terra, feito que chama a atención, dado que o voceiro irmandiño non viña, en absoluto, dando noticia da aparición dos folletos de ¡Terra a Nosa!.
Nos números aparecidos nos meses de marzo e abril atopamos algúns títulos de certa relavancia na historia da literatura galega. Entendo que tal é o caso dos versos de Follas ao vento, de Florencio Vaamonde, da comedia de Leandro Carré Enredos -que, un mes antes, fora “Representada pol-a primeira vez no Teatro Alfonsetti, de Betanzos, a noite do 28 de Febreiro de 1919”- e da primeira obra narrativa de Vicente Risco, a humorística Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros, onde o protagonista acaba por liberar a momia de Tothankhamon.
O 10 de xullo vía a luz o n.º 13, volume extraordinario que acollía os Versos de loita de Manuel Lugrís Freire. A súa aparición foi tardía, máis dun mes despois do número anterior, que saíra o 30 de maio, co que rompía a escrupulosa preiodicidade de 10 días que mantivera desde o inicio.
O folleto traía, ademais, a seguinte nota, da que deducimos a causa dese retraso:
“AO LECTOR
Sin recramos, sin propagandas, sin a axuda das entidades e pubricacións obrigadas á lle dare calor ao espallamento d’este folleto “¡TERRA A NOSA!” pol-o seu valor, pol-o seu propio peso, ábrese camiño por Galicia enteira, e creba trunfalmente a indiferenza que moitos crên eisiste nA Nosa Terra pol-a lectura do galego.
Non nos chama a atención a falla d’axuda dos obrigados nin laiámonos tampouco do seu silencio. Cando fixemos mentes de levare â práctica a pubricación de “¡TERRA A NOSA!” tivemos por descontado este silencio i esta falla d’axuda. E un mal moi vello en Galicia para non o ter en conta, o de non apoiar ideias d’outros seian estas ou non benfeitoras para ela.
O galeguismo sentímolo fondo, moi fondo, máis endividual, avarento, eguísta. Cada fillo da antiga Suevia, xúsgamonos un “leader”; todos queremos sere, e ninguén queremos se-lo.
A autonomía vive en nós, forte, asoballadora, puxante. Somos autonomistas por natureza; se de feito a non temos colectivamente, levámol-a por dereito persoalmente choída no corazón e no cerebro. Acontécenos o qu’aos avións: un á un, todos voamos, xuntos, en feixe: imposibre: estorbámonos os unhos aos outros.
Por eso ao dare â pubricidade “¡TERRA A NOSA!”, soio determiñóunos á elo o convencimento do trunfo que tiñamos de conquerire, pol-a sinxela razón de qu’ainda nos atopando xuntos lectores i editores, non andaríamos revoltos, misturados, senón que conservaríamos a nosa individualidade, e o vô poderíase efectuare sin nos estorbare os unhos aos outros.
E así imos de trunfo en trunfo. Cô presente volume, comenzamos unha nova serie que daremos aos nosos lectores máis á miudos que poidamos. Temos ofrecimentos d’orixinaes dos máis renomados escritores, e á medida qu’os vaiamos recibindo irémoslles dando pubricidade pagando d’este xeito o agarimo con que é recibido cada novo volume de “¡TERRA A NOSA!”. Ademáis, de cando en cando, non votaremos en esquenzo aos nosos finados mestres.
Ofrecemos para cumprir, e canto maior seia a acolleita qu’atopemos, maiores terán de sere tamén as nosas dádivas e os nosos esforzos.
OS EDITORES”.
Nin que dicir ten que as “entidades e pubricacións obrigadas á lle dare calor ao espallamento d’este folleto” non eran outras que a Irmandade e A Nosa Terra, nese momento dirixida por Ramón Villar Ponte. O caso é que non conseguiron chegar máis aló da publicación doutros dous números, un en xullo e outro en agosto, e a colección desapareceu sen maior explicación. O n.º 15, como era costume, anunciaba a publicación do seguinte número -que ía ser Celtismo e panceltismo, de Xesús Culebras- que nunca chegaría a aparecer.
Aínda que efémero, foi un interesante proxecto editorial á hora de permitir a normalización da escrita dos diversos xéneros en galego.
Descoñezo os motivos dese boicot a unha empresa na que estaban participando os vellos rexionalistas fundadores da Irmandade (Eladio Rodríguez, os Carré, Vaamonde, Lugrís, Tettamancy) xunto con xentes de novo cuño como Vicente Risco, pero os promotores de ¡Terra a Nosa! Tiñan que ser conscientes desde o primeiro momento de que iso ía acontecer.
Xa antes da aparición do primeiro número -como vimos o 10 de febreiro- A Nosa Terra, de día 5, insertaba o breve texto propagandístico “A Bibrioteca galeguista”, no que anunciaba: “Vense imprentando o primeiro volúme da Bibrioteca galeguista que, a ‘Irmandade da Fala’, acordou creare. Axiña poráse a venda”. Repárese en que se xoga abertamente á confusión, xa que se fala de “Bibrioteca galeguista”, denominación moi similar á de “Bibrioteca Popular Galega”, que era o subtítulo de ¡Terra a Nosa!”.
No número seguinte do boletín, o de 15 de febreiro, baixo o título “Bibrioteca Galeguista” insistíase no asunto, con maior amplitude de información: “Vense imprentando o primeiro volume d’ista Bibrioteca que está chamada a conquerir un bó ésito. […] Axiña poráse á venda, editada luxosamente con custe moi pequeno para quenes queiran mercala a fermosa novela do gran poeta Gonzalo López Abente ‘O Diputado por Veiramar’, que leva unha portada artística do xenial Castelao. […] Pódense ir facendo pididos á ‘Irmandade da Fala’ da Cruña de todas istas obras, pois as ediciós d’elas agotaránse de contado, tanto pol-o mérito que encerran como pol-o artístico e luxoso da edición e pol-a baratura do seu prezo de venda. Ningunha casa editorial d’Hespaña oferce volumes tan intresantes por tan miudo custe.
E n’isto, percisamente, ten fundado o ésito a ‘Bibrioteca Galeguista’, que axiña constituirá un gran negocio aparellado c’unha sana e nobre labor patriótica”.
A partir do número seguinte comezan a publicar anuncios indicando “Ademítense pedidos”, d’O Diputado por Veiramar, d’A Man de Santiña e da Gramática Galega. Non esquezamos que na nota que acompañaba o volume programa de ¡Terra a Nosa!” se dicía: “e posibre é tamén que n-él aparezan n-algunhos númaros -sin grandes pretensións- unha gramática e unha xeografía galegas”. Casualidade , desde logo, non parece. Xa dixen que descoñezo as razóns destas desavenencias das que penso que non se ten falado suficientemente.