O Auditorio de Ferrol converterase hoxe, durante todo o día (de 10.30 a 18.15 horas), no escenario da final galega do Club de Debate, iniciativa organizada polos equipos de Normalización Lingüística de varios concellos da comunidade coa finalidade de fomentar o uso da lingua entre os mozos.
Dous equipos de Ames, outros tantos de Negreira, un de Pontevedra e outro de Dodro mediranse nesta decisiva fase da que sairá o gañador autonómico.
Na final non haberá este ano representación local, xa que os equipos participantes na convocatoria, os dos IES Leixa e Canido, non acadaron colarse na final a pesar da boa actuación que tiveron na fase zonal.
Os finalistas, arredor duns 50 rapaces de entre 14 e 17 anos, arroupados polos seus preparadores, debatirán hoxe sobre se as “TIC favorecen o uso do galego”. Todos compartirán ademais xantar no Comedor Universitario do Campus de Esteiro.