Ferrolterra contará con 34 das 440 actuacións da rede escénica galega

Ferrolterra contará con 34 das 440 actuacións da rede escénica galega
Carlos Blanco y Luis Davila - Menu do Dia - Pazo da Cultura

A Axencia Galega das Industrias Culturais, en colaboración con concellos e salas de concertos, propón para o primeiro semestre do ano 440 actuacións. Faino a través da rede de teatros e auditorios, a de música ó vivo e a de salas. Ferrolterra programa 34 espectáculos, un 7,7% do total, a través das actividades que deseñan Narón (un total de dez), Cedeira (nove), Ferrol (seis, catro delas no Jofre e dúas da sala Súper 8), Ortigueira (cinco) e As Pontes (catro). Estas funcións, nas que comparten gastos os concellos e o organismo dependente da Consellería de Cultura, supoñen un complemento importante á axenda cultural que fan os municipios, potenciando ademais a exhibición e a produción galega. Narón volve destacar pola súa colaboración coa Agadic; e Ferrol, que pasa semestres sen programar coa rede autonómica, regresa a ela con catro funcións para o Jofre, a cifra, xunto co auditorio Gustavo Freire de Lugo, máis baixa das cidades.
Narón forma parte da rede autonómica e tamén da estatal, e ademais organiza actividades propias e tamén aluga as súas instalacións a produtoras. Con todo isto conforma unha intensa actividade que se mantén estable desde hai décadas e que se ve recompensada cunha gran resposta dos veciños e de toda a comarca. Coa rede de teatros da Agadic teñen previstos dez espectáculos de teatro para adultos e infantil e de maxia ata finais de maio.
Comezarán o día 31 de xaneiro con Voadora e a obra “A tempestade”, adaptación do texto de William Shakespeare. En febreiro Marie de Jongh presentará o seu espectáculo para nenos Kibubu”. Será o día 1, ás sete da tarde. Teatro do Atlántico fará sesión dobre os días 20 e 21, con “O principio de Arquímedes”, obra que nestes momentos teñen en preparación e aínda non estrearon. En marzo verase “O crédito”, de Eme2, con Antonio Durán “Morris” e Pedro Alonso, tamén en función dobre (os días 6 e 7). Sarabela achegará a súa proposta infantil “O último dragón” o día 15. Xa en abril, o 18, Unhahoramenos presenta “El nombre”, mentres que en maio prográmase “El estanque dorado”, con Lola Herrera e Héctor Alterio, o día 9; e o espectáculo de maxia “Onde está o Mago Antón”, o 17, Día das Letras Galegas.
Cedeira comezou a súa colaboración coa Agadic este semestre xa a fin de semana pasada, con “Historias dun ilusionista”, do Mago Rafa. Hoxe mesmo, ás 18.30 horas, no Auditorio Municipal, Teatro del Andamio ofrece a obra infantil “Carrapuchiña no faiado”. Continuará o ciclo para os máis pequenos o 25, con “Contos de animalario” de Daboapipa, e o 1 de febreiro con “Contos de sobremesa”, de Pablísimo. Continuará despois a programación cultural con “Ride, ride...!”, de 3DTrans (o 7 de febreiro); “Perplexo”, de Ilmaquinario Teatro (o 28 dese mesmo mes); “Os contos de Joselín” (o 21 de marzo); un concerto da cedeiresa Guadi Galego o 28; e a adaptación escenificada de “La Traviata” que farán Camerata Lírica, o 5 de abril.
Ferrol ten unha presenza irregular na rede teatral galega nos últimos tempos e pasa semestres sen programar ningunha actuación. Na práctica, a consecuencia é a presenza anecdótica de producións en galego para adultos no teatro Jofre. Este semestre haberá catro funcións, e dúas delas son para nenos. A primeira será “Demolición”, de Talía Teatro, o 24 de xaneiro. Producións Teatrais Excéntricas pisará a cidade o 28 de febreiro con “Bobas & Galegas (Mofa & Befa no Século d’Ouro)”. O 15 de marzo Tanxarina representará a obra infantil “A casa do avó” e o 12 de abril Baobab porá en escena “Martes”, tamén para os máis pequenos.
A sala Súper 8 tamén participa nas redes autonómicas, neste caso a través da Rede Galega de Música ao Vivo. Neste ciclo incluiuse a actuación de “Vandallica” o venres pasado e a de Dakidarría o vindeiro 23 de marzo.
Ortigueira é tamén unha localidade fixa na programación de actuacións coa axuda da Axencia Galega. No seu caso a axenda márcana David Amor cos seus “Monólogos cantados” (o 14 de febreiro), Carlos Blanco con “Menú do día” (o 23 de marzo), Mofa e Befa con “Bobas & Galegas” (o 4 de abril), Álex Clavero coa función “Ríete tú de antaño” (o 18 de abril) e “Os contos de Joselín” (o 2 de maio).
As Pontes ten o auditorio municipal Cine Alovi para as súas funcións teatrais, que ó abeiro do ciclo autonómico inclúe “De aquí para alá”, musica infantil a cargo de Lydia Botana, o 28 de febreiro. Tamén programarán “O retrete de Dorian Gray”, de Rúa Aire, o 7 de marzo; e “Martes, de Baobab Teatro, o 13 dese mesmo mes. Estas dúas son obras para un público infantil. Xa o 17 de abril pasarán polas Pontes Danny Boy Rivera e Álex Clavero coa función “Ríete si te atreves”.

cifras
As tres redes de espectáculos da Agadic ofrecerán 440 actuación ata xuño, case un 13% máis que no mesmo período do ano anterior, e incrementa un 9% o orzamento, que queda en 446.891 euros, segundo a información da Consellería de Cultura. A maioría das funcións pertencen ó circuíto de teatros e auditorios, con 261 representacións en 38 escenarios. Na rede de música ao vivo cóntase con 126 concertos en 32 espazos, mentres que a de salas privadas incluirá 53 actuacións en cinco salas.

Ferrolterra contará con 34 das 440 actuacións da rede escénica galega

Te puede interesar