Inicio da acción política (XVII)

Inicio da acción política (XVII)

Aínda que, como xa quedou dito, a sección “Noticias” d’A Nosa Terra, de 20 de xullo de 1918, explicitaba que: “Todal-as ‘Irmandades da Fala’ de Galicia están conformes co’a orientación da cruñesa. Todas veñen aprobando o Regramento xeneral”, cumpriría precisar que esta aprobación, polas causas que foren, non se produciu inmediatamente, cando menos de iure, como imos ver.
Entre os materiais que perteceron á Irmandade da Fala de Betanzos que se conservan no Arquivo Municipal desa localidade atópase un tomo manuscrito denominado “Libro d’aitas da Irmandade da Fala”, do que se di que está “Composto de 195 folios dend-o un ó cento noventa é cinco inclusives”. No primeiro dos folios deste volume podemos ler:
“N-a noite do trinta de Outono do ano de mil novecentos dazaoito, ficou constituida, d’un xeito definitivo a Irmandade da Fala de Betanzos.
Ô aito, celebrado no primeiro sobrado da casa sinalada cô númaro 22 dôs soportás do Campo, concurriron a maoría dôs irmáns, até ista data inscritos, desexosos de loitar, sin acougo, pol-as xustas arelas galeguistas.
Logo d’abrir  aito o presidente do mesmo, siñor Anxel Ramos, douse leitura ó Regramento pol-o qu’a de rexirse a mentada entidade, sendo aprobado por todol-os persentes, con fonda ledicia”. Xa que logo, a aprobación legal do regulamento tivo lugar o 30 de outubro e non antes do 10 de xullo, data na que a sección “Novas da causa” do boletín irmandiño daba conta de que as Irmandades de Monforte, Santiago e Betanzos “xa chegaron â aprobación do novo regramento xeneral”.
En lóxica correspondencia con ese feito, para dar cumprimento ao establecido na daquela vixente Lei de Asociacións, o texto do regulamento –7 folios en español, o idioma preceptivo, mecanografados– presentouse no Goberno Civil da Coruña en decembro, aínda que asinado por toda a directiva a 10 de novembro. Foi aprobado con data de 2 de xaneiro de 1919. Consérvase copia orixinal no citado Arquivo Municipal de Betanzos.
Na acta correspondente á xuntanza de “catro de San Martiño” podemos ler que se acordara “Solicitar do siñor Gobernador Civil d’ista provincia á aprobazón do noso regramento i-autorizazón da sociedade” e na do 25 do mesmo mes “Douse conta d’haberse mandado os regramentos ó irmán da Cruña D. Xosé Casal prá entregal-os no Goberno Civil prâ súa aprobación”.
Non obstante, polo que se recolle na acta da xuntanza do “once de Sanmartiño”, resulta evidente que o texto se imprimira con anterioridade á súa presentación no Goberno Civil para ser aprobado. Como se pode entender, se non, que se acordase “Pedirñe á Irmandade d’A Cruña á conta dos regramentos imprentados que se mandaron á ista”?
Pequenas disfuncións á parte, os feitos dinnos que o regulamento aprobado pola Irmandade da Fala da Coruña na súa xunta xeral de 2 de xuño axiña se comezou a facer público, a difundirse, a explicarse... Era un documento tan eminentemente político que, sen maiores problemas, podería cualificarse de auténtico programa dunha organización política, o que, cando menos legalmente, non eran as Irmandades da Fala.

Autonomía
Porque parece claro que asunto exclusivamente político é recoller que “a IRMANDADE traballará de cote pra conquerir unha amplia autonomía pra Galicia en todol-os ordes” (art. II) ou que “sendo a política o goberno do pobo, e dependendo do bon goberno o seu progreso, fará labor política de porpaganda e d’aición” (art. VI).
Como tamén o é, en aras dun mellor cumprimento dos obxectivos a decisión de crear 4 seccións, denominadas de “cultura e fala”, “economía e estudios sociaes”, “agraria” e “política” (art. VII).
É, así mesmo, política regulamentar –con certas incongruencias á parte– algunhas cuestións que entendo socialmente avanzadas para aqueles tempos como a de poder asociarse, tanto homes como mulleres, “maores de 16 anos (art. VIII). Teñamos en conta que nesa altura a maioría de idade estaba fixada nos 23 anos. 
Ou reparemos en que, setenta anos despois, contra finais do século pasado -o que xa non sei se a día de hoxe seguirá sendo así-, nalgúns casinos non se permitía asociarse ás mulleres. 
As mulleres que participaban na vida societaria desas entidades non o facían como socias de seu, senón na súa condición de mulleres ou fillas de socios. Sen esquecer, que en España –como en case todas as partes do mundo– non había sufraxio feminino. Ademais deste dereito asociativo, as mulleres podían crear unha Irmandade onde non a houbese, agrupación que “terá a mesma autoridade que se fora d’homes” (art. IX), o que non é pouca cousa.
O artigo XXI é o dedicado á “Sección política”e consta de 5 apartados nos que se fala de: 1º “Faguer porpaganda política por medio de mitis, xornales, folletos, etc.”. 2º “Propoñer e traballar calquer crase de eleiciós, dirixindo a porpaganda”. Neste punto tamén recolle que de tratarse de eleccións municipais “os candidatos serán nomeados por votación segreda en xunta xeneral da Irmandade do Auntamento de que se trate”. 3º “Propoñer á Irmandade a desinazón de delegados que elixan os candidatos pr’á diputazón a Cortes e provincial”. 4º “Perseguir todol-os atropellos eleitorales; levar un estado dos abusos cometidos e faguer un estudio dos medios pra impedil-os, estudio que presentaráse n-a Asambreia anual das Irmandades”. 5º “Procurar a maior eficacia da porpaganda eleitoral, atendendo mais a formar cidadans que a conquerir votos inciviles”. Non se diga que non chama a atención este quinto apartado. 
Só restaba ir fixando a data para a I Asemblea.
 

Inicio da acción política (XVII)

Te puede interesar