Cambios n’a Nosa Terra (LXIV)

Willam Butler Yeats, premio Nobel irlandés
|

Finalizaba a entrega anterior dando conta da “dimisión” de Antón Villar Ponte como director d’A Nosa Terra e da asunción das responsabilidades da publicación por un Consello de Redacción presidido polo Conselleiro primeiro da Irmandade coruñesa, nese momento Francisco M. Balboa.


Mais, nas últimas semanas da aparición do boletín baixo a dirección de Villar Ponte, ademais do que xa quedou reseñado, tiveron lugar algúns acontecementos que entendo deben ser obxecto de mención.


Na primeira plana do número aparecido o 31 de outubro ocupábaa unha gran foto de Luís Porteiro, do que se cumpría o terceiro cabodano. A páxina seguinte acollía catro textos sobre a persoalidade do falecido líder da autoría, curiosamente, de catro persoas que, se ben é obvio que tiveran fonda relación con el, nesa altura estaban claramente aliñadas no grupo dos “apostólicos”: Antón Losada Diéguez, Vázquez Enríquez, Banet Fontenla e Antón Villar Ponte. Este último é o autor do texto “O malogrado”, onde di cousas como estas:


“A maior sorte da miña vida foi ter coñecido a Porteiro cando andaba a facel-os estudos para opositar a cátedras. A miña maior ledicia velo atraguido ao movimento das ‘Irmandades’ pol-o meu libriño ‘Nacionalismo Gallego’. A miña door mais fonda e mais aceda o saber da sua morte.


Eu no epistolario íntimo do inesquecente e exemprar irmao, que gardo como unha reliquia, atopo o consolo de tristes defeccións e a espora do meu espírito para a santa loita pol-a libertade da Terra, â que lle teño ofrendado as millores enerxías da miña mocedade”.


Non deixa de resultar curioso. Porteiro, como sabemos, ao carón de Peña Novo, fora un dos abandeirados da modificación dos estatutos das Irmandades, isto é, da transformación do que nacera como unha simple agrupación cultural, nitidamente galeguista, iso si, nunha organización política partidaria da participación electoral en todas as frontes. Xa que logo, é de supor, que, se se tivese mantido fiel aos seus principios, estaría ao lado dos irmandiños de “temperamento político”. Chama a atención, pois, que ningún destes “políticos” se lembrase de Porteiro nas páxinas do voceiro. Que acontecera? Cousas da dirección?


Reparemos, non obstante, en que o número de 30 de novembro se abre cun artigo de Antón Villar Ponte, “A escravitude económica da nosa terra / Galicia peor tratada que unha colonia de negros”, que, en español, vira a luz unha semana antes nas páxinas de El Correo Gallego. A reprodución en galego do artigo finaliza coa seguinte nota:
“Respeito a estes asuntos recomendámol-a leutura do admirábel libro de Lois Pena Novo, ‘La Mancomunidad gallega’. E un libro oportuno, patriótico, que honra ao seu autor e aos ilustres patrianos propietarios do Balneario de Mondariz”.
O estudo de Peña Novo, como é sabido, fora premiado no “Primer Concurso de la revista Mondariz sobre temas interesantes para Galicia”, fallado en agosto, que estaba dotado con mil pesetas e douscentos exemplares impresos.
Outro dos temas aos que A Nosa Terra lle foi dando publicidade foi o da celebración dun “Congreso da Raza celta”, que é como se titula un breve solto aparecido no número de 31 de outubro. A reunión ía ter lugar en París a mediados de xaneiro e a ela estaban convidados os nacionalistas galegos: “Galiza ten un posto reservado en acto de tanta trascendenza”.


A Nosa Terra seguiu dando información puntual do congreso cando Villar Ponte xa non a dirixía. Así, o propio número no que se comunicaba a súa “renuncia”, 15 de xaneiro, recollía ampla información sobre o mesmo. No artigo “Congreso mundial da Raza Irlandesa” dábase conta de que a inauguración sería o 21 de xaneiro, de que as xuntanzas durarían oito días e de que tomarían parte nelas delegados de 16 países.


Dise tamén que se discutirían proxectos encamiñados a conseguir o desenvolvemento irlandés e a buscar medios para recompoñer as desfeitas da guerra, sen esquecer o asunto do rexurdimento da “Lingua irlandesa”. Habería, pois, representación de teatro irlandés en idioma gaélico -tamén en francés, naturalmente-, así como un conerto de música irlandesa e concursos de bailes nacionais.


Tiñan prevista a súa asistencia moitos descendentes dos irlandeses desterrados no século XVII que desenvolveran importantes actividades en España, Francia, Estados Unidos... Tamén acudirían irlandeses procedentes de países sudamericanos. Concluía a información do voceiro nacionalista resaltando a magnitude do congreso:
“Este ‘AONAC nan GAEDAL’ (‘Congreso dos gaélicos’) será a mais grande reunión da raza irlandesa dende a histórica Asamblea que tivo lugar nos tempos do Rei Brian (ano 1014 de J C.)”.


Ademais destes aspectos informativos, o artigo ía acompañado dun chamamento para que Galicia non estivera ausente do mesmo. Di así:

“O día 21 d’este mes de Xaneiro vaise celebrar en París un Congreso mundial da Raza Irlandesa, do que xa temos falado. A él teñen de asistir representantes detodol-os pobos do mundo. Trataránse asuntos de gran trascendencia para a Raza Celta da que nós, os galegos, somos parte integrante.


Sería de lamentar que a Nosa Patria non poidera ter unha reepreentación no dito Congreso. Coidamos, emporiso, que é un deber que n’ese día todal-as Irmandades e irmans nosos particularmente envíen uns telegramas de adhesión e saudo”.


Daban os datos de a onde e a quen dirixilos.

No número seguinte, de 1 de febreiro, baixo o epígrafe “O Congreso da Raza Irlandesa”, aparece reproducido o texto da mensaxe enviada “Ao Sr. Presidente do Congreso da Raza Irlandesa, en París”, asinado “Na Cruña 20 Janeiro 1922. Está redactado en galego -é de supor que o enviaran tamén en francés- e comeza:


“Cidadáns da libre Irlanda, irmáns da raza nosa!: n-istes momentos en que vos achades en xuntanza de trascendente patriotismo para fixar as bases nas que afincaráse o grorioso porvir da vosa terra e da vosa raza, nós os nacionalistas galegos, fillos tamén da raza celta, representando as arelas de libertade que xermolan puxantes e briosas na alma do noso pobo, temos o honore e a ledicia de vos dirixir un saudo que é ateigado de agarimo, saudo que e confesión de amore fraterno, embora pol-os vosos trunfos, ademiración pol-os vosos heroicos sacrificios, e queremos que sexa tamén alento para as futuras loitas pol-o afincamento da República Irlandesa”.


Máis adiante percíbense claramente as ideas de Vicente Risco, como é sabido, membro do Consello directivo das Irmandades:

“Xa chegaron os tempos para a redención da raza celta, a quen gárdalle a Historia días de insuperable grandeza. A vella civilización mediterránea estase esmorecendo para deixar paso â nova civilización atlántica; e Deus fixo que os pobos celtas aniñasen n-as Veiras do mar da libertade para seren os forxadres das Táboas da nova Ley que ten de rexir d-agora en diante ao mundo.


Nós os galegos no hino tradicional da nosa Patria temos un canto que nos di eisí:’Galicia, erguete e andaa, coma en Irlanda’. Este hino, que xa no século pasado escribiu un dos nosos apótolos, é para nós un dogma e un mandato. Por iso, n-estas horas supremas, estamos con alma e corazón ao lado voso para recoller os vosos acordos.
Tende, irmáns irlandeses, a seguranza da nosa solidaridade máis cordial convosco e da nosa adhesión mais fonda ó Congreso que estades celebrando”.


O tratamento do tema aínda tería outra entrega no número de 15 de febreiro, no artigo “O Congreso da Raza Irlandesa”, onde, ademais de referir personalidades que asistiran (O’Donnell -fillo do xeneral español-, DeValera, O’Briens, Yeats...), deixa constancia de que “A maioría dos discursos versaron sobre a necesidade do cultivo do idioma gaélico e as manifestacións feitas en tal senso poden condensarse na expresión de Lord Ashbourou: ‘O uso do inglés é un síntoma da nosa morte nacional’”.


Mentres tanto cumpríranse os cinco primeiros anos de aparición d’A Nosa Terra, como recolle a primeira plana do número de 15 de nadal.

Cambios n’a Nosa Terra (LXIV)