Cariño será a capital do teatro galego na cuadraxésima edición da Mostra

Cariño será a capital do teatro galego na cuadraxésima edición da Mostra
Un momento da presentación da Mostra, onte na Deputación da Coruña

É a mostra decana do teatro das que se celebran na comunidade galega. Corenta anos hai xa desde que no concello de Cariño se puxese en marcha un encontro que, lonxe de languidecer, conseguiu manter o pulo para seguir achegando ano tras ano o mellor das artes escénicas a este municipio da comarca do Ortegal.
Con motivo da cuadraxésima edición, a Mostra de Teatro Galego chegará do 11 ao 17 de agosto cargada de actividades que farán que, segundo estimacións da organización, máis de dúas mil cincocentas persoas pasen pola vila durante eses días.
O programa estará dividido en catro apartados diferentes, contando con seis espectáculos que se desenvolverán na rúa; diferentes actuacións de programación infantil que terán lugar en horario de mañá; ou cinco funcións nocturnas do 13 ao 17. Estas últimas actuacións acollerán unha das novidades desta edición, xa que por primeira vez será o público quen se encargue de premiar a mellor función do ano.
Compañías
Compañías de longa tradición no panorama escénico galego, como Chévere, Mofa e Befa, Contraproducíons, María Fumaça o A Pandaría formarán parte dun cartel no que tamén se incluirán algunhas das figuras punteiras a escenografía portuguesa, como a compañía de monicreques Partículas Elementares ou os clowns Godot. Haberá así mesmo actividades paralelas, como obradoiros, charlas coas compañías, concertos ou unha xornada de traballo a cargo da asociación profesional de artes escénicas Escena Galega.
Así o avanzou onte o concelleiro de Cultura de Cariño, Jonathan Miranda, no acto de presentación da Mostra que tivo lugar na Deputación da Coruña, institución que un ano máis apoiará o encontro.
A vicepresidenta e responsable da área de Cultura do devandito ente provincial, Goretti Sanmartín, subliñou “a relevancia e o arraigamento histórico” que ten o xénero teatral no Concello de Cariño e destacou o traballo e maila dedicación das diferentes persoas e organizacións que conseguiron facer deste certame “a mostra decana de teatro das que se celebran no noso país”, apuntou.
Puxo ademais en valor “que un Concello pequeno consiga realizar unha mostra de teatro en galego durante tantos anos só é posíbel se existe un grande interese por parte do tecido social da comarca”, dixo.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, sinalou “o grande sentimento” que existe polo teatro no municipio, e agradecu a colaboración da Deputación, da Xunta e do Instituto da Cooperaçao e da Lingua Camoes, unha institución lusa coa que o certame volta ás súas orixes, alá por 1978, en que ademais da súa vertente no idioma galego tamén tiñan protagonismo as representacións en portugués.
Finalmente, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou a capacidade da mostra para “potenciar e darlle visibilidade ás producións galegas”, así como “a posibilidade que lle brinda ao público de coñecer as creación doutros lugares”, como as portuguesas. l

Cariño será a capital do teatro galego na cuadraxésima edición da Mostra

Te puede interesar