Os diferentes compromisos (LXXXVI)

Os diferentes compromisos (LXXXVI)
Diario de Ferrol-2018-02-25-014-c9a9e774

Finalizaba o día anterior deixando constancia de que a I.N.G., unha vez que a Irmandade da Fala da Coruña decidira non integrarse nela, ficara nunha organización de figuras do mundo académico, cultural e literario e sen base social de ningunha clase. Non obstante, procurou non ser allea á realidade circundante.
O 6 de abril de 1926, o goberno presidido polo liberal Manuel García Prieto convocou eleccións a celebrar o 29 dese mesmo mes.
Xa antes desa convocatoria electoral, o conselleiro supremo da Irmandade Nazonalista Galega, Vicente Risco daba á luz nas páxinas do segundo número de 1923 do voceiro da organización Rexurdimento o artigo “Galiza e os partidos polítecos hespañoes” que comezaba:
“Cando s’anuncia que vai haber eleiciós, toda a podre fedenta da políteca hespañola principia a se remexere. E coma Galiza polo seu mal, vive asolagada hastr’os fuciños n-esa lameira entrollada; e como pobo galego patexa inutilmente n-ela, buscando ás tentaruxas oude s’agarrar pra sair d-ela, sexa coma sexa, d’eiquí que Galiza resulte a terca de promisión de todol os arribistas polítecos de Madrid”.
Acto seguido, daba exemplos de por que non se debía seguir participando nese sistema electoral cheo a rebentar de caciques de todos os tipos, para concluir que “o pobo galego, namentras siga indo ao rabo d’iles com’un rebaño de carneiros, non deixará de ser un pobo d’escravos”.
Pouco despois tiña lugar a, por eles denominada, V Asemblea da I.N.G. e un dos acordos adoptados nela, segundo se dicía no “Resume da V Asambreia” publicado no cuarto número de Rexurdimento, fora o de “protestar n’unhas outavillas que se espallarán enantes das eleucións e n’un manifesto despois das mesmas, contra a farsa política que se repersenta en toda Galiza”.
O texto do panfleto era o seguinte:
“Eleutores: cada voto que dades ós vividores da política, é un ferrollo que apreta as vosas cadeas. Os deputados obedecen ós seus xefes de Madrid, e non a vós, que lles dades os votos. E alá enténdense ben antr’iles pra fagueren de vós mangas e capirotes. Cos vosos votos axudades â inxusticia e facendes duradeiro o voso asoballamento”, como se ve un chamamento á non participación. 
Pola súa parte, a Irmandade da Fala coruñesa non tomou parte directa na loita electoral, mais si tivo participaron dalgún xeito algúns dos seus membros máis destacados, nomeadamente Luís Peña Novo, que, como se dixo en entrega anterior, poucos días antes da convocatoria das eleccións fora elixido Conselleiro 1º da organización. Xa quedou dito na entrega da semana pasada que o 25 de marzo Peña Novo e Tomás Rodríguez Sabio acudiran a Tui á inxente manifestación agraria de homenaxe ás vítimas de Sobredo, que se converteu, ademais, nun importante acto político dos agrarios e de Portela Valladares, que deixou pampos aos asistentes coa oratoria despregada na súa intervención, tal e como destacou A Nosa Terra no seu número de 1º de abril. Pois ben, Peña Novo tomou parte activa en actos electorais celebrados en Vigo, pola candidatura de Adolfo Gregorio Espino, e no Rosal, pola de Portela Valladares.
O diario ourensán La Zarpa, do xoves 26 de abril, no solto “La candidatura de Portela Valladares / Un mitin en El Rosal”, daba conta da celebración dun grande mitin nesa localidade  ao que, segundo o corresponsal, concorreran “más de diez mil almas dentro de un entusiasmo extraordinario”. No acto interviron “el concejal nacionalista de la Coruña Luis Peña Novo, el abogado de Pontevedra Ramón Salgado y Portela Valladares”. Das intervencións destacábase que “Peña Novo, que como siempre habló en gallego, pronunció un discurso maravilloso que arrebató al auditorio, siendo muy ovacionado” e que Portela Valladares “fué objeto de delirantes ovaciones”.
O vigués Galicia dese mesmo día, no apartado “El mitin de hoy”, do solto “Candidatos y distritos / El panorama electorero”, dicía:
“A las seis de la tarde, y no a las siete, comenzará en ‘Las Torres’ el mitin organizado por la Liga de Defensores, para propagar la candidatura del señor Espino.
El acto de esta tarde ha despertado gran interés en Vigo y se verá seguramente muy concurrido”.
A Liga de Defensores de Vigo, que tiña representación no Concello da cidade, desde os inicios de 1922, canso se constituíu, presidida por Adolfo Gregorio Espino, estaba formada por persoas de diferentes ideoloxías, entre os que atopamos a Manuel Gómez Román, o arquitecto que sería presidente do Partido Galeguista; Amador Montenegro Saavedra, o fundador d’A Monteira de Lugo, ou Xavier Soto Valenzuela, o amigo e compañeiro de militancia do Manoel Antonio estudante en Vigo. O seu lazo de unión era o de seren persoas reformadoras e críticas coa política ao uso. Da Liga, como é sabido, sairía a constitución da editorial Vigo, que, en 1924, comezaría a editar El Pueblo Gallego, sen dúbida o mellor xornal aparecido en Galicia, cando menos, antes da sublevación de 1936.
O mesmo diario do día seguinte, venres 27 de abril, na crónica “El panorama electorero / El mitin de ayer en ‘Las Torres’”, informaba de que o mitin da Liga que se celebrara na espaciosa finca  “revistió innegable importancia. La concurrencia fué numerosísima. Ascendía a algunos millares de personas”.
Iniciara os discurso o señor Quicler, da Juventud de La Liga, quen “en palabras de honda rebeldía” alentou os cidadáns a esixir respecto para os seus dereitos cívicos. A continuación, Bernardo Bernárdez comezou dicindo que non era un acto local senón de cidadanía galega e que axiña habería que falar da Liga de Defensores de Galicia e non só de Vigo. Falou de que había que había que recuperar os foros privativos, eloxiando Biscaia por saber conservar as súas características.
Manuel Gómez Román empezou censurando os fenicios modernos que foran a Vigo a enriquecerse e que agora querían dominalo. Insistiu en que nas campañas da Liga non se procuraba medre persoal ningún. Fixo logo unha crítica do adversario. Leu un telefonema da “Irmandade da Fala” da Coruña en que se dicía “Galicia está con vos”. Acabou dicindo que se non estaban coas rexións chegaría un momento en que estas non lles farían caso.
Falou logo o avogado e agrario Amando Garra, que sostivo que o pobo non se conquista con millóns senón con liberdade e xustiza. Fronte a opresión a violencia é sempre santa. Falou de traicións e dixo que renunciou publicamente a toda clase de representacións parlamentarias, a non ser ostentándoa no futuro Parlamento galego.  Combateu a xenrocracia e avogou polo voto secreto. Censurou, finalmente, o candidato oficial e a política que representaba.
Como se sabe, o candidato oficial era o liberal Rafael Gasset, que concorría tamén polo distrito de Alcázar de San Juan (Ciudad Real)
Logo de Garra, subiu á tribuna Peña Novo, cun discurso que produciu no público “intensa sensación”.
Comezou aludindo á reforma de aranceis que se lle querían impór ao millo galego en beneficio dos trigueiros casteláns. Enriquecer estes a costa da fame de Galicia acordárase en asemblea presidida por un galego, o actual ministro de Fomento. Continuou combatendo a política antigalega de Gasset e dixo que de seguir imperando seguiría en perigo a liberdade da terra galega, o pan dos nosos labregos e aumentando o tráfico de barcos que levan carne humana dos nosos portos. Vigo tiña a responsabilidade de salvar Galicia ou de que se afogasen por moito tempo as esperanzas de redención que todos os galegos teñen no porvir da súa terra.
Lembraba que Gasset fora catro veces ministro de Fomento e non investira nada nos portos galegos. Galicia precisaba, xa que logo, dunha política hidráulica ao revés, desecando grandes extensións pantanosas.
En “períodos briosos y exaltados” cantou Galicia como pobo atlantico e terra de promisión do mundo enteiro. Dixo que todos os políticos españois eran culpables do desastre de África.
Ao dicir do xornalista, fixo un “bello símbolo” dunha nogueira plantada por un avó e cuxo froito recollen os seus descendentes, para deducir que había que sementar ideas hoxe para que as recollan as xeracións futuras.
Finalizou o candidato Espiño insistindo na sinceridade das súas palabras e rechazou que a campaña da Liga se inspirase en medres ou ambicións, engadindo que os homes da Liga levan vinte anos loitando sen ter ocupado cargo lucrativo ningún.
Dixo que el representaba “una política de idealidad, de espiritualidad”.
 

Os diferentes compromisos (LXXXVI)

Te puede interesar