Acción Directa retira da desembocadura do río da Sardiña máis de 500 quilos de residuos sólidos

os voluntarios, recollendo lixo do cauce fluvial luis polo
|

O colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos retirou o pasado sábado, no decurso na súa última intervención, máis de media tonelada de residuos sólidos da desembocadura do río da Sardiña, na enseada da Malata.

Os voluntarios de Acción Directa veñen actuando desde o verán pasado na limpeza e adecentamento de lugares públicos de interese social, patrimonial e medioambiental “en estado de abandono e deteriorados”, reclamando deste xeito a implicación das administracións competentes no coidado e posta en valor dos mesmos.

Acción Directa denuncia que entre todo o material rescatado do cauce do río había valados metálicos propiedade do Concello. Os membros deste colectivo aseguran que neste espazo natural véñense cometendo moitas “irregularidades”, entre as que destaca o feito de que a apenas 15 metros da desembocadura existe un punto limpo – “cos riscos que iso acarrexa”, puntualizan– e, sobre todo, o “vertedoiro incontrolado” que, sinalan, a Cámara de Comercio e o Concello de Ferrol, propietarios do Consorcio Pro-Feiras e Exposicións, teñen no interior do recinto de FIMO.

Asimesmo, Acción Directa destaca que moitos dos residuos extraídos da canle do río son materiais que se adoitan empregar nas prácticas do carné de conducir, como conos e fitas plásticas, entre outros.

 

intervencións

Desde a súa constitución, no verán pasado, Acción Directa vén desenvolvendo traballos de limpeza e adecentamento na batería de San Carlos, o Bosque dos Nenos de Serantes, nas medianas das estradas da zona, coa retirada da herba da Pampa, así como outras accións de denuncia, como un flashmob, este mesmo Nadal, denunciando a cantidade de baches sen reparar que existen na cidade.

Acción Directa retira da desembocadura do río da Sardiña máis de 500 quilos de residuos sólidos