O profesor Manolo González recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

Manuel Gonzalez premio academia audiovisual IES Concepci�n Arenal
|

Manolo González foi pioneiro na introdución do vídeo na escola, xa nos primeiros 80, cando era director do IFP Allariz. Desde aí medrou o seu vencellamento co audiovisual en distintas facetas e foi creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña ou director da Axencia Audiovisual Galega, entre outras ocupacións dun currículo intenso e cun importante peso do ensino. Agora dá clases de historia no IES Concepción Arenal e coa mesma paixón que lle atribúen os seus colegas da Academia Galega do Audiovisual, que decidiron darlle este ano o Premio de Honra Fernando Rey (entregarase o 12 de abril na Coruña), fala dos seus alumnos e das posibilidades que ofrecen as tecnoloxías na escola.
Rexeita con firmeza estar apartado do primeiro plano. “Onde estou é en primeira liña, na vangarda máis completa, é o lugar perfecto. Traballo coa primeira xeración de rapaces que todos son fotógrafos. Están todo o tempo facendo fotos e vídeos. É o momento xusto e o lugar perfecto para experimentar e indagar”, apunta.
Esa arelada democratización no acceso ós medios audiovisuais chegou e hai que incorporala ó ensino e “traballar para que esas ferramentas sexan para algo máis que para tonterías. Debemos incorporlas no proceso educativo e facer ós alumnos máis creativos. Hai un gran camiño para traballar e para desenvolver e para min é unha das experiencias máis chulas que pode ter o ser humano. Penso que agora mesmo, independentemente deste tempo sombrío no que vivimos todos, o traballo de mestre é o más fermoso que se pode ter”.
Manolo González desenvolve a canle de Youtube Cliphistoria, na que recolle escenas de cine para explicar as súas asignaturas, pero tamén traballa cos propios alumnos no proceso creativo. “Case todos, desde os 12 ata os 18 anos, fan pequenas pezas, pequenos vídeos, e valoro moito eses traballos. Non fai falta unha grande estrutura industrial para poder producir a túa mensaxe. Máis alá da nula política audiovisual da Xunta e do goberno español podes expresar a túa forma de ver o mundo e o que che acontece”.
Recibe o recoñecemento honorífico do sector audiovisual “como un acto de agarimo de moita xente nova, dun montón de alumnos” que tivo, comenta, “nun tempo no que se apostou polo talento e por ter un marchamo de igualdade de oportunidades”. Pero remarca que el era só un máis dun equipo amplo que sempre é necesario para levar adiante calquera tarefa nun sector que implica a tantos profesionais. “Eu son unha peza máis dunha engranaxe onde estabamos moitas persoas, moitos compañeiros de viaxe”. Ademais, confesa que “nunca sei como reponder ós eloxios e ás louvanzas, síntome incómodo”.
O premio Fernando Rey entregarase nunha gala que se celebrará en Palexco, na Coruña, o 12 de abril, e na que se darán a coñecer os galardonados cos premios Mestre Mateo de 2014. A eles optan a ferrolá Isabel Ayguavives coa súa película “El árbol magnético”, a actriz ferrolá Mabel Rivera e tamén a pontesa Mercedes Castro. n

O profesor Manolo González recibirá o Premio de Honra Fernando Rey