O conflito administrativo existente entre a Concellería de Cultura de Ferrol e a asociación Ti e Máis Eu Teatro pola organización do ciclo Domingos a Escena en Caranza, que está prolongando o comezo da nova temporada deste programa de teatro afeccionado, levou a AVV do barrio a tomar a decisión de ofrecerlle aos veciños unha nova proposta dominical ata que comece definitivamente o programa municipal.
Así, coa axuda de Max Teatro, entidade que durante doce anos levou adiante esta iniciativa, o domingo día 22 comezará o ciclo Teatro porque Si, á mesma hora, ás sete da tarde, e no mesmo lugar, no Centro Cívico, que Domingos a Escena. Nunha nota de prensa, o presidente da AVV de Caranza, Santiago Magán, adianta que “lo que le importa a la asociación de vecinos es que el barrio tenga teatro como en los doce años que lo organizó la asociación Max. Que los vecinos de Caranza, que siempre se han volcado con los eventos culturales llenando el Centro Cívico, tengan garantizado lo que se han ganado a pulso: un ciclo conocido por su calidad y no por la controversia”.
En canto á organización, a AVV adianta que da iluminación e do son se encargará de xeito desinteresado Max Teatro, mentres que a entidade veciñal abrirá e pechará o centro cultural e tratará de conseguir ás compañías a través do programa municipal Ferrol Escena. Por outra banda, na nota de prensa a entidade critica a falta de resolución da Concellería e de Ti e Máis Eu Teatro por ofrecerlle unha actividade aos veciños. Respecto a esta última compañía, aínda que a entidade veciñal de Caranza asegura non querer entrar en polémicas, destaca que en 15 anos de convivencia no Centro Cívico a AVV, a rondalla Sonidos del Alba e Max Teatro nunca houbera problemas para ensaiar u levar a cabo eventos, mentres que desde que Ti e Máis Eu Teatro organiza o ciclo afeccionado tivo problemas con todas as demais.
adiamento
Onte mesmo a asociación Ti e Máis Eu Teatro saia ao paso dos cálculos do concelleiro de Cultura sobre o comezo do ciclo Domingos a Escena, que este cifraba en dúas semanas. A entidade adxudicataria do ciclo, tras recuperala no xulgado, aseguraba que tiña ata o día 24 deste mes para asinar o contrato pero que logo aínda deberán levar a cabo un proceso de selección das compañías, algo que pode dilatar o comezo moito máis.