Pan de Capazo, Quenindiole e Fran Amil, no concerto folk da Cita coa Historia das Pontes

Pan de Capazo, Quenindiole e Fran Amil, no concerto folk da Cita coa Historia das Pontes
As Pontes Cita coa Historia

A animación continúa na vila das Pontes coa celebración da VI Cita coa Historia, inaugurada na xornada de onte. Así, os que hoxe se acheguen polo evento poderán gozar de variadas propostas.

Desde as once da mañá permanecerán abertos os postos que dan vida o mercado así como o campamento galaico. O pasarrúas dos Feroces da Galgueira, unha nova representación do espectáculo de rúa da compañía Humans no Limits e un obradoiro guiado de torneado da man da Asociación de Amigos da Madeira formarán parte da axenda dunha xornada na que tamén dará comezo o concurso de caracterización.

Sobre as 12.00 horas desenvolverase un taller sobre a industria da cerámica romana, guiado por Isabel Carril, para as 12.30 horas abrir paso ao desfile de Tebras Galaicas. A esta mesma hora, a orquestra Panoramix animará as rúas do casco vello pontés, mentres que no Museo Etnográfico Monte Caxado haberá unha visita guiada. Un espectáculo de cetrería dirixido ao público infantil e unha nova actuación da compañía Humans no Limits pechará as actividades matinais.

Pola tarde, a partir das cinco, será a quenda para un obradoiro de talla de madeira e outro infantil de creación de escudos romanos. Pola súa banda, na zona habilitada como ludoteca, os máis pequenos poderán achegarse aos xogos tradicionais.

Adolfo Domínguez dirixirá a partir das 18.00 horas un obradoiro de xoiería e fabricación de pezas de metal, mentres que na Praza da Igrexa o protagonismo recaerá nun espectáculo de circo ao que seguirá outro de cetrería. Ás 19.00 horas haberá unha segunda visita guiada ao museo etnográfico.

A partir das 19.30 horas, as rúas encheranse de música con Os Carunchos e haberá novos espectáculos na rúa e un taller de tecido de tear sobre parede romana, coa participación de Isabel Carril.

Concerto
A xornada de hoxe rematará co concerto folk que a partir das 22.30 horas terá lugar a carón do río Eume e que contará coas actuacións dos grupos Pan de Capazo, Quenindiole e Fran Amil.

A Cita coa Historia, centrada nesta sexta edición na chegada dos romanos a Galicia, continuará mañá domingo con novas actividades.

Pan de Capazo, Quenindiole e Fran Amil, no concerto folk da Cita coa Historia das Pontes

Te puede interesar