O concerto de Salvador Sobral no Auditorio de Ferrol aprázase por segunda vez, neste caso debido ás restriccións de aforo para atallar o coronavirus. Estaba previsto para o 5 de decembro pero trasládase a marzo para poder entón gozar do espectáculo deste artista portugués con máis xente e un entorno distinto ao actual.
A nova data está fixada para o 20 de marzo, ás nove da noite e, para entón, seguirán sendo válidas as localidades que xa están adquiridas. De todos modos, quen queira a devolución pode solicitalo, ata o 20 deste mes, a través do correo electrónico devoluciones@ataquilla.com. Débese indicar a dirección facilitada á hora de mercar as entradas e a súa referencia.
O recital de Sobral, no que ía presentar o seu disco “Alma nuestra”, xa fora aprazado en outubro por enfermidade dun membro da banda. Súmase agora á lista de eventos que foron adiados desde o verán e tamén atendendo ás medidas máis recentes, sobre todo se se precisa un aforo mínimo que non se pode garantir.