Inscricións nos obradoiros de arte floral convocados polo Padroado da Cultura de Narón

Inscricións nos obradoiros de arte floral convocados polo Padroado da Cultura de Narón
Festa dos maios celebrada o pasado ano en Piñeiros | jorge meis

O Padroado da Cultura de Narón abrirá mañá luns o prazo para se anotar nos obradoiros de arte floral que, con motivo da celebración da festividade dos maios, convocáronse nas parroquias do Val e de Piñeiros. Segundo explicou a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, a actividade é completamente de balde. Haberá un total de quince prazas dispoñibles para cada unha das propostas e serán adxudicadas por rigurosa orde de inscrición.

A presentación de ambos os dous talleres será na segunda semana desde mes e terán lugar os mércores en Piñeiros e no Val nun día aínda por determinar. Os dous desenvolveranse en horario de 17.00 a 19.00 horas.

“Desde o Padroado da Cultura de Narón apostamos un ano máis por fomentar a tradicional festividade dos
Maios, organizando nesta ocasión estes dous obradoiros, un na zona urbana, e outro no rural, para implicar á veciñanza nesta convocatoria, coa que se festexa a chegada da primavera”, salientou Ferreiro. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo desde o 3 ao 7 de abril –este último día só pola mañá– en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas (este último horario só de luns a xoves).

Colexios
A vicepresidenta do Padroado explicou ademais que, ao igual que en anos anteriores, tamén se convocaron obradoiros dirixidos específicamente aos escolares de Narón. Así, segundo comentou, “o alumnado de Educación Infantil e de primeiro e segundo de Primaria, traballarán desde a primeira semana do mes de maio nos seus centros escolares nunha serie de unidades didácticas para realizar con flores naturais as figuras coas que participarán na festividade do Día dos Maios, que terá lugar o día 6 do citado mes en Narón”.

Inicialmente, a previsión é realizar unha composición floral por centro, aínda que en función da participación poderán elaborarse ata un máximo de dous. “Esta actividade ten moi boa acollida entre a comunidade educativa desta cidade, xa que cada ano participan en torno a uns 1.400 rapaces e rapazas”, destacou.

Ademais de elaborar estas creacións, a través dos obradoiros os alumnos teñen a oportunidade de achegarse a esta festa tradicional galega e tamén a bailes e cantos desta época do ano. l

Inscricións nos obradoiros de arte floral convocados polo Padroado da Cultura de Narón

Te puede interesar