Miguel Anxo Romero e Leandro Lamas apostan polos primeiros lectores en “Pompas de xabón”

Miguel Anxo Romero e Leandro Lamas apostan polos primeiros lectores en “Pompas de xabón”
romero e lamas, a pasada fin de semana en sargadelos luis polo

A pasada fin de semana presentábase na Galería Sargadelos “Pompas de xabón” (editorial Embora), o primeiro traballo conxunto do profesor Miguel Anxo Romero e o pintor e ilustrador Leandro Lamas. Unha ducia de poemas dirixidos a lectores a partir dos seis anos que contan co recoñecible mundo visual do creador naronés.
Conta o profesor Romero que “os textos naceron dun traballo escolar. Buscaba unha poesía infantil, dirixida aos pícaros, pero o que atopei estaba máis ben destinado para adultos, así que decidín escribilos eu mesmo”. Desde o comezo da escrita, Romero tiña claro quen quería que lle ilustrase os poemas. “Para min Leandro é unha relixión e como temos moita relación, xa traballamos xuntos para o colectivo didáctico medio-ambiental de Ferrolterra Lapis Verdes, desde o primeiro momento estivo a carón de min”.

personaxes adaptados
Pola súa banda, Lamas, que xa traballou con poetas como Antón Cortizas e Teresa Moure, aceptou a proposta de Romero con entusiasmo. “Gustáronme moito os poemas. Neste libro foi distinto que outros nos que hai un personaxe que se repite, como no álbum ‘A nena e o grilo nun barquiño’, por exemplo. Aquí, cada un dos doce poemas leva as súas ilustracións propias para cada un dos textos”. En canto ao tratamento das ilustracións, Leandro Lamas coincide en que “todo o mundo destaca que as miñas imaxes recuperan o mundo infantil e aí están, aínda que para min son para tódalas idades”.
“Pompas de cores” presentarase na comarca nas próximas semanas. Pero o traballo entre Romero e Lamas seica terá continuidade. Conta o primeiro que “xa hai material para un segundo libro, que Leandro me anima a que ilustre eu mesmo, qe fun alumno seu. Tamén hai un texto feito a partir dos seus traballos para Lapis Verdes”.

Miguel Anxo Romero e Leandro Lamas apostan polos primeiros lectores en “Pompas de xabón”

Te puede interesar