A exposición de Lúa Gándara abre esta tarde no Torrente o cartel do festival Fóra do Mapa

A exposición de Lúa Gándara abre esta tarde no Torrente o cartel do festival Fóra do Mapa
Lúa Gándara

As artes escénicas volverán estar moi presentes durante toda esta semana en múltiples espazos da cidade ferrolá con motivo da segunda edición de Fóra do Mapa. O programa, coordinado por Cristina Moreira, será inaugurado esta mesma tarde no Torrente Ballester –centro que ademais servirá como sede da organización durante os sete días– coa inauguración –ás 20.00 horas– da exposición da artista Lúa Gándara “Pintar por fóra”.


Por primeira vez, a creadora vai compilar máis de dez anos de traballo pictórico, todo xunto, co obxectivo de tratar de ver de lonxe as cousas para entendelas mellor. A artista ofrecerá tamén durante toda a semana visitas guiadas, e explicativas, das súas propias obras. Estas terán lugar cada día ás 12.00 e ás 19.00 horas e son totalmente de balde.
Tamén hoxe dará comezo outra das propostas enmarcadas no festival, o obradoiro “Dramaturxia do espazo actoral” con Adolfo Simón, membro da Asociación de Directores de Escena Unima Madrid, que ademais mañá achegará o seu espectáculo de microteatro de obxectos en varias funcións (21.00, 21.30 e 22.00 horas) no local La Espuma, na Rúa da Igrexa.


O mércores chegará un dos platos fortes deste menú cultural, a proposta “Brickman Brando Bubble Boom” da Agrupación Señor Serrano, unha compañía de teatro que crea espectáculos orixinais baseados en historias emerxidas do mundo contemporáneo –foi galardoada co León de Prata 2015 da Bienal de Venecia–. A Ferrol chegan co seu biopic escénico sobre a vida de Sir Joh Brickman, o maior construtor da Inglaterra do século XIX. Este é a única cita para a que hai que mercar entrada (5 euros, na taquilla do Jofre).


O xoves, o edificio da antiga ferretería Santos, na Praza Vella, será escenario da mostra dos participantes no obradoiro de dramaturxia de Adolfo Simón.


O teatro mínimo será o protagonista o venres, coa representación de pezas en diferentes puntos do barrio ferrolán. “Najda”, de Olaia Pazos; “Macareno”, de Daniel Currás; Show Impro (de Izquierdo Sisters); e “Ópera prima”, de Aboca2.
A xornada do sábado comezará xa ás 10.00 horas cun obradoiro infantil no Torrente Ballester a cargo de Katrina Biurrún, no que convida aos nenos a levar os refugallos dos seus xoguetes para tentar crear con eles novas e orixinais pezas.
Pola súa banda, e durante todo o día (de 11 a 14 e de 18 a 21 horas), a actriz Iria Sobrado desenvolverá no Parador de Turismo a súa proposta “Brinde”, dirixido a un único espectador por quenda. Novas pezas de teatro mínimo tomarán tamén a partir das seis diferentes espazos. Ás 21.30 horas, na rúa Real, o grupo A Panadaría coa súa montaxe “Pan! Pan!”, unha parodia musical dos westerns.


O festival “Fóra do mapa” baixará o domingo o telón cunha xornada que dará comezo ás 12.30 horas cun roteiro polas rúas de Ferrol da man de Ibuprofeno Teatro, con saída da praza de Amboaxe. A actividade contará coa participación da actriz naronesa Iolanda Muíños.


O “Concerto para piano e cidade”, de Parkour Sonoro, previsto para as 19.00 horas no centro cultural Torrente Ballester, pechará o festival. O proxecto de Nacho Muñoz é a versión en placo dunha investigación poética centrada na relación da persoas co son. É un concerto audiovisual con videorealización en directo.

A exposición de Lúa Gándara abre esta tarde no Torrente o cartel do festival Fóra do Mapa

Te puede interesar