Ferrol prantará un carballo na honra de García Niebla no Día da Árbore

Ferrol prantará un carballo na honra de García Niebla no Día da Árbore
Diario de Ferrol-2016-03-08-002-52a9c012

O mestre Juan García Niebla terá unha placa na súa lembranza no xardín contiguo ó local da asociación veciñal da Graña (que antes foi escola), no que tamén se prantará un carballo na súa memoria. Será nun acto de homenaxe que se celebrerá o venres 11 de marzo, ás sete da tarde, no local social do barrio de onde era orixinario o propio García Niebla, un renovador pedagóxico comprometido cos valores do ensino da II República e que foi fusilado na rampa do castelo de San Felipe, xunto co alcalde ferrolán Xaime Quintanilla, o 17 de agosto de 1936. Logo de plantar a árbore, o acto continuará no interior do local social, cunha conferencia de Guillermo Llorca sobre esta figura. O historiador ferrolán é autor do libro “Juan García Niebla. Entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadán”, que editou a asociación sociocultural Muíño do Vento. Precisamente esta entidade, xunto coa asociación veciñal, colaboran con esta iniciativa do Concello de Ferrol.
A homenaxe pretende involucrar a todo o movemento asociativo e cidadán da cidade en torno a unha figura querida pola súa actividade docente pero tamén polo seu compromiso coa súa época. Tal e como lembraba onte Llorca, está recoñecido tamén a nivel nacional porque “é un pioneiro dun novo sistema educativo que tiña por guía facer alumnos libres, responsables, conscientes e respectuosos co medio ambiente”. Ademais estivo vencellado coas Irmandades da Fala, co impulso educativo que chegaba desde a asociación de ferroláns na Habana, participou na asociación de mestres de Ferrol e foi membro da UGT. “Foi un cidadán comprometido co seu tempo, con ideais educativos da II República que trouxeron unha auténtica renovación pedagóxica, cunha escola pública e laica”, engade Llorca.

plátanos
García Niebla impulsou a celebración do Día da Árbore (que se fixo por primeira vez en Ferrol en 1913) e animaba ós seus alumnos a coñecer o seu entorno natural. Calcúlase que plantou unhas 2.000 árbores que hoxe permanecen na estrada de Serantes, en Santa Mariña ou camiño da estación. Son os falsos plátanos que abeiran estas rúas e que os nenos prantaban e que tamén vixiaban para que ningúen os arrancase.
O libro de Guillermo Llorca sobre García Niebla enviarase a tódolos centros de ensino para que teñan presente a súa figura humana e o seu exemplo. Neste último punto insistiu César Pita, da asociación Muíño do Vento, que vincula os seus ideais coa situación actual. “Que ensino van ter as futuras xeracións cando agroman propostas tremendamente reaccionarias contra as que García Niebla pelexou?”, preguntábase Pita. “O ensino que el quería, laico, científico, centrado no neno e democrático ponse hoxe en cuestión. É necesario que a súa figura sexa coñecida polos docentes e polos nenos”, engadiu.
Tamén o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, lembrou a este docente “non só como un adiantado á súa época senón tamén á nosa, na que camiñamos cara a un sistema contrario ó que representa García Niebla”.
A presentación desta homenaxe fíxose no Concello coa presenza tamén do edil de Participación, Álvaro Montes; de Eliseo Zaera e da presidenta da AVV da Graña, Azucena Muíños. Muíños recordou que xa en tempos do alcalde Xaime Bello lle dedicaran a súa Semana Cultural a García Niebla. 

a placa recuperada
Este mestre da Graña tivo recoñecementos xa en vida, por parte do entón Concello de Serantes, que lle instalou unha planca na estrada de San Xoán de Filgueira. Este recoñecemento foi retirado polo franquismo despois de fusilalo pero en 1995 recuperouse e agora loce nesa rúa, rebautizada como Mestre García Niebla.

Ferrol prantará un carballo na honra de García Niebla no Día da Árbore

Te puede interesar