O ciclo do Día da Patria Galega continúa hoxe na praza do Concello de Fene cunha nova edición da Festa da Veciñanza, unha xornada de convivencia interxenaracional organizada pola Concellería de Cultura e Ensino coa colaboración do movemento asociativo do municipio. A festa comezará ás oito da tarde co reparto de 500 racións de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga.
Concluído xa o prazo para a compra anticipada de tickets, as persoas que queiran participar no xantar de convivencia aínda terán oportunidade de mercar os billetes no posto habilitado pola organización na propia Praza do Concello, no que se porán á venda a partir das 19.00 horas un total de 100 tickets ao prezo de 3 euros por ración.
Desde a Concellería de Cultura lembran que os cambios introducidos este ano na Festa da Veciñanza, e que se traduciron no cobro dunha cota simbólica por ración e na venda anticipada detickets, teñen como obxectivo mellorar a organización da actividade. Ao remate da churrascada, comezará o espectáculo de baile coa orquestra Os Modernos, que veñen de acadar o Premio Martín Códax 2016 na categoría “Orquestra, grupo e música de verbena”.
Froito da súa constante ansia por renovarse, o grupo achega un repertorio renovado de bailes como o foxtrot, baiao, chotis, habanera ou tango americano, corrido, rumba ou mazursen esquecer tampouco eses ritmos máis arcaicos e propios do folklore galego como a muiñeira ou a jota. A orquestra está formada por Manolo Guldrís (bombo-chis), Xosé Tuñas (caixa), Carlos Osorio (gaita-de-fol), Joám Casas (clarinete), Lois Mouriño (saxo), Alonso Caxade (bombardino) e Iria Piñeiro (voz) como Rosalie de Choix.
Mañá
O programa fenés arredor do Día da Patria Galega concluirá mañá coa lectura da declaración institucional no Parque Liñal no Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”. No acto, que dará comezo ás 20.00 horas, intervirá a psicóloga, experta en igualdade e mestra do CEIP Centieiras de Perlío-Fene, Paloma Rodríguez.
Onte, tamén encadrado no ciclo fenés, celebrouse o Certame de Habaneiras e Canto Coral, así como o concerto do TradiCoro e Sisters in the house.