“Múltiple” resume en Afundación a historia do gravado español contemporáneo

“Múltiple” resume en Afundación a historia do gravado español contemporáneo
Afundación unha exposición sobre o gravado Picasso Dali

Desde onte e ata o 3 de xaneiro a sede ferrolá de Afundación acolle a exposición “Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló”, un percorrido feito a través de 52 obras que sintetizan a varios dos referentes desta técnica artística ao longo de máis dun século.
Esta exposición está composta por obras gráficas seleccionadas entre os fondos da colección de arte de Afundación e permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século XX, entre os cales destacan tres dos grandes nomes da pintura en xeral, e da arte da estampa en particular, como Pablo Picasso, Dalí e Joan Miró.
No proxecto expositivo o visitante atopará un Dalí ilustrador de pezas literarias con dúas obras pertencentes a A divina comedia (1960); o artista da vangarda ilustrou tamén Cantos de Maldoror (1934), O Quixote (1957) e a Tauromaquia surrealista (1976). A mostra deixa constancia, así mesmo, de como as obras calcográficas de Joan Miró rivalizaron coas pinturas de Dalí en intensidade e beleza, proba disto é a magnífica obra que se seleccionou nesta ocasión, Quatre colors aparien el món, na que a liberdade coa que Miró se enfrontaba á súa obra produciu unha das imaxes máis belas da plástica do século XX. O Picasso gravador fai, tamén, unha importante achega á exposición. Na mostra poden verse algúns dos seus principais traballos neste eido, tales como a serie de “A celestina” e “A danza”.
En canto aos creadores posteriores á Guerra Civil, na mostra figuran nomes como Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart ou José Caballero. Non faltan figuras do exilio como Antonio Rodríguez Luna, Antoni Clavé e Luís Seoane, así como mestres más actuais de Tàpies e Miquel Barceló. Como complemento á exposición, inclúese unha pequena mostra dos materiais e utensilios que se empregan nos obradoiros profesionais de gravado nas catro técnicas principais: serigrafía, litografía, xilografía e gravado calcográfico. Entre eles atópanse unha pantalla de serigrafía, unha pedra litográfica, carborundum ou pranchas de madeira gravadas,  cedidos pola Fundación CIEC (Centro Internacional de la Estampa Contemporánea).

visitas e reservas
Afundación artellou varios obradoiros para alumnos de Primaria, Secundaria, bacharelato e talleres formativos nunha viaxe pola arte española do século XX que os aproxime ao gravado e á súa historia.
Para participar en calquera destas actividades é necesario facer unha reserva previa no teléfono 981 330 280.

“Múltiple” resume en Afundación a historia do gravado español contemporáneo

Te puede interesar