O primeiro edil nacionalista (XLVII)

O primeiro edil nacionalista (XLVII)
diario de ferrol-2017-05-21-009-269efd46

Na entrega anterior vimos como, no mes de agosto de 1919, o goberno publicara un Real Decreto segundo o cal as eleccións municipais que terían que celebrarse na primeira quincena de novembro terían lugar na primeira quincena do mes de febreiro de 1920. Así mesmo, vimos como xa por esas datas do verán, mesmo antes de ter decidido a data e o lugar para celebrar a II Asemblea nacionalista, a Irmandade da Fala coruñesa decidira concorrer a esas eleccións e instaba ao resto das localidades onde tivesen posibilidade a facer outro tanto. 

Así, n’A Nosa Terra, de 15 de xaneiro de 1920, publicaron o artigo “Os nazonalistas da Cruña e as eleiciós municipaes”, explicando claramente as razóns que os levaran a tomar tal decisión. O grupo coruñés entendía que, se se quería avanzar, era preciso atopar canles de difusión das ideas nacionalistas e das súas propostas para a mellor gobernanza das institucións municipais, cousa que, sen representación nelas, resultaba imposible. 

Os xornais todos víñanlles negando espazos para poder facelo, situación que, crían, tería que mudar se conseguisen representantes que puidesen levar iniciativas ás sesións municipais, xa iso implicaría ter que falar delas, co que se poderían gañar simpatizantes da causa. 
A Irmandade da Coruña, según dicía nese escrito, non compartía a idea dalgúns nacionalista que pensaban que neses momentos había que fuxir da política, porque participando nela poderían perder a pureza que tiñan. Mais ese desacordo non impedía que na mesma sección “Novas da causa” d’A Nosa Terra, de 10 de xaneiro,  xunto á lembranza de que “A ‘Irmandade’ da Cruña, cheia de’entusiasmo, acordou ire â loita nas próisimas eleiciós municipaes”, recollese a nova de que “Vicente Risco xa romatou d’escribire un libriño que ha ser o noso ideario.
Cantos conécenno, din qu’é obra notabre. Noméase Teoría do nazonalismo galego. Como cousa do noso grande e orixinal pensadore, é agardada con toda espeitación e agarimo por tódol-os irmáns na causa”. Non perdamos de vista que Risco era unha das figuras que defendía a non participación na loita política.
Segundo a lei de octubre de 1877 que regulaba as eleccións municipais, que fixaba que cada dous anos os concellos haberían de renovar a metade dos membros das súas corporacións, á Coruña, como xa dixen, lle correspondía elixir 19 concelleiros. Un dos que ía continuar era o coñecido avogado Xosé Iglesias Roura, eleito en 1917 como republicano, feito que fora moi ben acollido polos nacionalistas coruñeses, por entender que fora “un trunfo da Irmandade”.
En calquera caso, Iglesias Roura, se ben, iso si, fose socio destacado da Irmandade da Fala coruñesa, non concorrera ás eleccións de 1917 como candidato nacionalista, polo que os primeiros candidatos nacionalistas, presentados como tales, ían ser Antón Villar Ponte e Luis Peña Novo.
Os diarios do martes 3 de febrero de 1920 informaban da proclamación de candidatos por parte da Xunta municipal do Censo.
El Orzán, dese día, no solto “El acto del domingo / Proclamación de candidatos”, recollía o nome destes por cada un dos oito distritos nos que estaba dividida a cidade. Os candidatos nacionalistas figuraban nos distritos primeiro e terceiro. No distrito primeiro, no que había que elixir  tres concelleiros e se votaban dous, Villar Ponte disputáballe o posto aos republicanos disidentes Joaquín Cotarelo e Jesús Vilanova, ao republicano (do Casino) Lino Molina e aos monárquicos Fernando Martínez Morás, demócrata, e Pedro Crespo, maurista. Pola súa parte, Peña Novo, no distrito terceiro, onde tamén se votaban dous para elixir tres, tiña como contrincantes os republicanos Antonio Seijo Benasset e Manuel Durán García, así como Luis Suárez González, que figuraba como independente.

El Ideal Gallego, dese mesmo día, ademais dos nomes dos candidatos proclamados, recollía o nome dos concelleiros que cesaban nos seus cargos, un total de 14 republicanos e 5 monárquicos, dos que dous optaban á reelección. Comentaba: “lástima que se abstengan los señores Ossorio, Suárez Carrero y Casás” e engadía: “Los católicos no olvidaremos nunca que el Sr. Ossorio jamás estuvo ausente de ningún acto religioso al cual fuera invitada la corporación municipal. Y como ejemplos de éstos desgraciadamente no abundan su falta es más sensible”
Informaba, ademais, da actividade electoral da coalición monárquica: “Los candidatos de la coalición monárquica recorren estos días los respectivos distritos, siendo acogidos con grandes muestras de simpatía, prueba inequívoca del descontento que reina de la gestión de la mayoría republicana.

A nuestros amigos recomendamos que no se dejen engañar y que voten íntegra la candidatura de coalición. Suprimir un solo nombre es dar el triunfo a los contrarios”.

O xornal católico apoiou desde o primeiro momento e sen reparo de ningún tipo a candidatura de coalición monárquica. Xa por medio de artigos, “Por eso confiamos en que los votos delos coruñeses serán para los candidatos de la agrupación monárquica”, dicía, por exemplo, no solto “De las elecciones”, no número de 5 de febrero, xa reproducindo, en lugar ben visible e en varios días, a lista cos nomes dos once candidatos, acompañados dos correspondentes distritos polos que concorrían.

As eleccións celebráronse, como estaba previsto, o domingo día 8 de febrero. A prensa do martes 10, daba conta dos resultados. 
No distrito primeiro o candidato máis votado foi o demócrata Fernando Martínez Morás, que obtivo 463 votos, seguido polo maurista Pedro Crespo Sastre, con 453 e o republicano Lino Molina con 417, que foron os 3 eleitos. Ficaron fóra o republicano independente Jesús Vilanova, 184, o nacionalista Antonio Villar Ponte, 129, e o tamén republicano independente Joaquín Cotarelo, 121.
No distrito terceiro sería o vencedor o republicano Antonio Seijo Benasset, con 514 votos, seguido do tamén republicano Alfonso Vázquez, con 456 votos. O candidato nacionalista Luis Peña Novo obtivo 291 votos e superou ao monárquico independente Luis Suárez González, que obtivo 246.

El Orzán, dese 10 de febreiro, publicaba ademais o editorial “La jornada electoral” no que, entre outras cousas, manifestaba: “No creemos que pueda ser un secreto para nadie que las elecciones de anteayer fueron en la Coruña, más aún que una afirmación (con haber en ellas aspectos de afirmación interesantes) una negación rotunda y determinante: la negativa a seguir soportando por más tiempo un régimen municipal que, en muy pocos años, ha convertido a una ciudad en pleno progreso en una ciudad estancada y arruinada y que ha trocado a una corporación modelo de solvencia y budna administración en la merienda de negros actual, donde ha naufragado tan desdichadamente el crédito de la ciudad”. E continuaba: “Y así ha podido ocurrir que la omnipresente organización política que desde hace veinte o más años venía gobernando el Ayuntamiento y mangoneando la ciudad […* haya sufrido la increible derrota de no sacar en realidad casi ningún candidato triunfante, ya que sería menester dislocar por completo las cosas para mirar como un éxito de esa organización la elección del Sr. Lens y de sus amigos  los señores Molina y Seijo, considerados como disidentes del partido republicano autónomo hasta hace cuatro días y como tales aborrecidos por sus directores con enconada hostilidad, ni la del Sr. Fontenla Ferreiro, otro enemigo de ayer, aceptado por necesidad”.

Non facía mención ningunha á aparición da nova forza representada por Peña Novo. Como tampouco a facía El Ideal Gallego, que editaba unha primeira plana co gran titular “Triunfo de la candidatura de coalición monárquica en la Coruña” e na que tamén figuraban os rostros de cinco dos nove candidatos eleitos pola mesma. Unha festa da que haberá que falar.

 

O primeiro edil nacionalista (XLVII)

Te puede interesar