Pero cando ese rapaz ou rapaza fai un delito no ámbito familiar, de violencia dentro da súa propia casa, a resolución que contempla a lei como máis axeitada é a convivencia con outra persoa ou familia, práctica que, ata o ano pasado, non se podía executar en Galicia debido a que non existía un banco de xente dispoñible ás que recurrir nestes casos.
A raíz desta necesidade, a Asociación de Apoio á Infancia e a Mocidade (Arela) e a Xunta puxeron en marcha no 2017 o programa “Convive COMigo”, mediante o cal faise un proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias que estean dispostas a convivir con este tipo de adolescentes –a partir dos 14 anos, idade na que comeza a responsabilidade penal–. Hai uns días presentáronlle a iniciativa á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para que cada corporación o de a coñecer aos seus veciños.
“O proxecto piloto arrancou na provincia da Coruña e como funcionou bastante ben, este ano xa se desenvolve tamén en Pontevedra”, indica a técnica de Arela Ánxela Álvarez, ao mesmo tempo que sinala que xa se puxeron a disposición desta iniciativa unha persoa de Ferrol, outra de Santiago e outra de Redondela, así como unha parella de Padrón e unha familia de Cangas.
O balance durante este tempo é “moi positivo” debido a que foron moitos os que se interesaron polo programa, aínda que ata o de agora, o Xulgado non fixo todavía ningunha derivación, polo que non se pode facer todavía unha valoración completa; “esperemos poder facela pronto”, destaca a técnica de Arela.
A asociación busca persoas con alta sensibilidade para, a través dun ambiente socializador e positivo, permitirlles aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
“Nós dicimos que non son grandes monstros nin grandes delincuentes, son persoas que cometeron un erro e que necesitan unha oportunidade para aprender de novo; ese é o problema, que resulta moito máis doado ofrecer recursos para a primeira infancia que é o que máis nos entenrece e, ás veces, no mundo da adolescencia, o que nos faltan son oportunidades”, indica Ánxela Álvarez, en relación ás posibles reticencias que poidan xurdir á hora de plantexarse participar no programa.
O traballo a nivel de intervención é fundamental pero tamén o é o referente á prevención, xa que “a adolescencia é unha etapa decisiva porque ao final, o que non se traballe nesta época, será un problema despois como persoas adultas. Se ti con 15 anos eres unha persoa que maltrata á súa nai, se iso non se traballa, posiblemente sexas unha persoa que maltrata á súa parella”, exemplifica Álvarez.
Requisitos
As condicións fixadas por Arela para ser candidato a formar parte do banco de familias pasan por ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, ter estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade ou non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade.
“Hai xente que pensa que teñen que ser persoas formadas no ámbito do social e non ten por que. Si que é ideal se alguén ten Educación Social, Psicoloxía ou Traballo Social pero non é o único que nos interesa, senón que esté disposta a recibir asesoramento relacionado con esta medida xudicial e incluso persoas do ámbito do rural, que consideramos que é un ambiente súper educativo en positivo que, co acompañamento profesional adecuado, tamén pode funcionar perfectamente”, comenta Ánxela Álvarez.
Xunto coa formación individual e grupal oportuna, adecuada a cada caso segundo a experiencia que poida ter cada persoa ou familia, Arela ofrece tamén un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o adoleceste no fogar. “Non pode ser unha motivación, evidentemente, pero se entende que se ti tes o interese, a vocación ou o bo facer, o tema económico non debe ser un problema, porque cando un adolescente entra na túa vivenda vas ter que asumir, ademáis de vestiario e comida, actividades de tempo libre, desprazamentos, ao mellor algunha terapia...”, apunta.
A idea de Arela é que o seu programa chegue a todos os concellos da provincia debido a que se intenta que haxa persoas repartidas por todo o territorio para facilitar o desenvolvemento de cada caso. "Ás veces, interesa que un rapaz ou rapaza se mova lonxe do seu municipio porque, ademáis dos problemas da súa casa, pode ser que teña unha rede social negativa ou un baixo rendemento académico, polo que se necesita partir de cero noutro entorno; entón, non hai problema en que si é de Ferrol se vaia para Santiago. Pero outras veces, sendo de Ferrol interesa que, como moi lonxe, se vaia para Coruña e que siga mantendo o mesmo instituto e a súa rede de iguais... O que fai falta é ter un gran número de persoas para que esto poida ser posible", sinala Álvarez.
Nos Concellos da comarca xa se pode atopar máis información sobre “Convive COMigo”, así como na páxina web www.arela.org.