Unha de cal e outra de area

Recoñezo que os meus últimos apuntes adoecen dun escepticismo excesivo polo que pido desculpas. A cousa ten dúas lecturas, por unha banda é preciso falar moi claro, sen excesivo pesimismo, para que a xente tome conciencia da gravidade do Coronavirus, pola outra, ante o perigo de reaccións tan negativas como depresións, medo, tristeza e angustia xeneralizadas, convén quitarlle ferro porque, dado o caso, un razoable optimismo é parte fundamental da terapia.

As autoridades sanitarias e políticas, por esta orde, teñen a palabra á hora de informar, non ocultando nunca a gravidade da situación pero mantendo sempre a esperanza e a seguridade de que a pandemia pasará, insistindo asemade en que canto máis nos axustemos as súas directrices, antes e mellor sairemos da situación.

Non empeza moi ben este 2021, e dicir isto non é pesimismo, é realidade: Por si fora pouco a pandemia que non cesa, xa tivemos lumes, terremotos, nevaradas e choivas nunca vistas, borrascas, derrubamentos....etc e estamos empezando o ano. ¿Que máis nos queda por sufrir ao longo de tantos meses?. Hai que estar preparados para o que veña, poñendo os medios para combater o mal, a priori e a posteriori. Non estaría de máis que homes sabios e de boa vontade, que habelos hainos en todo o mundo, estuden, presenten e defendan unha nova orde mundial. Dalgún xeito esta peste que estamos a sufrir, é unha ocasión única para a reflexión e para mellorar a humanidade, que boa falta nos fai.

Combater as enfermidades, a pobreza, a fame, os fanatismos, as ambicións, as arelas de dominio, as guerras...etc, coa mirada posta en un bo entendemento entre homes e nacións. Faise necesaria unha filosofía nova por riba de razas e ideoloxías. A cousa non é doada pero é preciso intentalo porque está en xogo a supervivencia da humanidade. O primeiro paso, o máis difícil, é nomear comisións a nivel mundial que estuden o problema a fondo e propoñan solucións a corto, a medio e a longo prazo.

As dez principais potencias, EEUU, China, Rusia, Alemania, Reino Unido, Francia, Xapón, Israel, Corea e Arabia Saudí, e por suposto España, teñen a palabra.

Son consciente de que estou a falar de algo que xa existe. A Organización das Naciones Unidas (ONU), foi creada ao final da segunda guerra mundial en 1945, co gallo de manter a paz e a seguridade no mundo, promovendo o progreso social, a mellora do nivel de vida e os dereitos humanos. So fai falta poñela a traballar.

Unha de cal e outra de area

Te puede interesar