A Festa do Pan de Neda quere bater rexistros nas súas vodas de prata

A Festa do Pan de Neda quere bater rexistros nas súas vodas de prata
no paseo marítimo véndense distintos produtos de panadería d.a.

A Festa do Pan de Neda cumprirá o 1 de setembro as súas vodas de prata e a celebración será dobre, pois tamén este ano se lles concedeu a distinción de Festa de Galicia de Interese Turístico. Así que a edición de 2013 contará cunha axenda de actividades que se estenderán tamén ós días previos a esta data. A concelleira de Turismo do municipio nedense, Montse Rico, e o alcalde, Ignacio Cabezón, presentaron onte o programa no Parador de Turismo de Ferrol e invitaron a participar nunha celebración “na que se ensalza o noso produto estrela”, indicou o edil, que tamén lembrou a calidade das aguas do río Belelle, que lle dá a fama ó pan feito na localidade xa desde hai séculos.
As actividades no paseo marítimo do día da Festa do Pan comezarán ás dez da mañá coa apertura dos postos nos que se venderán os produtos elaborados polas panaderías da zona. O pregón, ás 12.30 horas, correrá por conta do comunicador e humorista Xacobo Pérez e a continuación entregaranse os premios do concurso de petiscos no que participan unha ducia de establecementos hosteleiros da localidade. A comida popular, ás dúas da tarde, terá un menú composto por empanada, arroz con polo, churrasco, bola de Neda e café, así como bebidas e, como non, pan. A ración ten un prezo de doce euros e os boletos pódense mercar por anticipado para evitar as ringleiras que se soen formar no momento. Así, pódense retirar nas oficinas municipais en horario de mañá ou nos negocios que participan no certame de pinchos. Tamén se estuda distribuílos noutros locais da comarca.
Os xogos populares (co tradicional tiro de corda no Xuvia, que precisa inscrición previa de equipos formados por seis persoas) ou un parque infantil servirán tamén para amenizar a xornada. E non faltará neste capítulo a música, coa presenza xa confirmada, para a tarde, de Parranda La Nuestra e do grupo especialista en música da década dos 80 On The Band. Estase a pechar a presenza dunha charanga para animar a rúa durante a mañá.

peke-pan
As actividades previas ó 1 de se-tembro teñen como un dos seus grandes atractivos o Peke-Pan, unha proposta de ocio para os nenos prevista para o 31 de agosto. A partir das seis da tarde gozarán cunha festa infantil que inclúe obradoiros para coñecer e practicar a elaboración do pan, desde que se moe a fariña ata que o bolo sae do forno. Os nenos amasarán e poderán levar un boliño, froito do seu traballo, para a casa.
O venres 30 os protagonistas dos actos en torno á festa serán os Dire Straits, a través dunha banda galega que lles rende tributo tocando os seus temas e que gozan de moi boa crítica. Son os Brothers in Band, que darán un concerto a partir da medianoite. Antes haberá animación musical, con outra formación ou cun dj para preparar o ambiente.

mellor... con pan de neda
Esta mesma semana, o 15 de agosto, comeza unha nova edición do concurso de pinchos “Mellor... con pan de Neda”, na que participan unha ducia de establecementos da vila. Durará dez días e durante este tempo, no horario que os propios locais decidan, ofrecerase unha tapa especial na que debe destacar o pan como elemento principal. Os clientes serán os que voten as súas preferencias, tanto no petisco máis sabroso como no máis orixinal. Os gañadores terán un trofeo simbólico e os que participen na votación entrarán no concurso dun premio aínda por decidir pero que podería consistir nunha fin de semana nun establecemento hoteleiro.
Tanto a concelleira Montse Rico como Ignacio Cabezón invitaron a tódolos veciños da comarca a acudir a un evento que xa desde hai uns anos cambiou o recinto de Albarón polo paseo. “Esta decisión foi un éxito porque tivemos máis do triple de persoas e este ano agardamos que aínda sexa máis sobresaínte que os demais”. Tamén se referiu o alcalde ó cartel que anuncia a Festa, de Carlos Pérez e elixido nun concurso. Amosa un bolo de pan e unha fervenza. “Reflicte moi ben o sentido desta festa”.

A Festa do Pan de Neda quere bater rexistros nas súas vodas de prata

Te puede interesar