Andrés Penabad, Óscar Ibáñez e Lenda Ártabra, no Festival Folk de Cedeira

Sede do Toxos e Froles, actuación do gaiteiro Óscar Ibáñez
|

Despois da potencia de La Pegatina Cedeira mergúllase esta noite na música folk co primeiro festival dedicado a esta música que se celebra dentro das festas da Patroa. Comezará ás dez da noite na praza do Sagrado Corazón, onde haberá sillas para gozar comodamente do espectáculo.
Abrirá a noite Óscar Ibáñez, acompañado da súa banda, Tribo (Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán). O gaiteiro presentará o seu primeiro disco, “Alén do mar”, selección de melodías galegas e latinoamericanas, enriquecidas co sustrato celta.
O acordeonista Andrés Penabad, pontés moi vencellado a Cedeira a través de Robaleira, tamén presentará esta noite o seu disco de debú: “Crossing”. Nel recolle as influencias adquiridas nos anos de experiencia cos mellores artistas da música de raíz e achega a súa ollada e a súa virtuosidade.
Como remate subirá ó escenario o grupo folk ferrolán Lenda Ártabra, nacido a finais de 2013 e formado por músicos doutras formacións que achegan as súas influencias de fado, música clásica, raíz africana ou música tradicional galega ós temas populares ou a poemas musicados. Fórmano Sara Barinaga, Alberto Hermáns, Salva Vader, Mundo Bakale, José María Bastida, Bea Villegas e Xosé Casal Porto.
Ademais do Cedeira Éfolk, haberá actividades deportivas pola tarde, así como un pasarrúas de Robaleira ás 11.30 e un festival de Buxainas ás 19.00 horas. n

Andrés Penabad, Óscar Ibáñez e Lenda Ártabra, no Festival Folk de Cedeira