“Quixen facer unha reivindicación da miña obra gráfica, sen a que non se entende o meu traballo escultórico”

“Quixen facer unha reivindicación da miña obra gráfica, sen a que non se entende o meu traballo escultórico”
Manuel Patinha

O próximo 19 de abril fará un ano do falecemento de Álvaro García, o mecenas e amigo entrañable de Manuel Patinha, un dos grandes creadores ibéricos de hoxe. Unha influencia benéfica no artístico e no persoal a quen o creador adica a exposición que inaugura mañá ás 20.00 horas na Galería Sargadelos: “Gravados extraídos do abismo”, un repaso á súa non tan vista traxectoria gráfica imprescindible para coñecer a súa obra escultórica. 

¿Como foi este ano sen Álvaro, que tanto supuxo de apoio e amizade para vostede?
No humano algo triste, pero hai que continuar. No plano profesional deixei A Faísca, onde pasei tantos anos con Álvaro e Divina, e marchei para Montecuruto. Aí teño casa e taller e estou cómodo. Quero deixar atrás unha etapa e comezar a traballar en cousas novas, levar a cabo unha fase diferente na miña traxecoria.

Comecemos polo máis inmediato. Hoxe regresa a Sargadelos cunha nova mostra, ¿que verán os visitantes?
Unha selección do meu traballo gráfico, gravados feitos desde o ano 1991 ata 2005. Leva por título “Gravados extraídos do abismo”. Ademais tamén inclúo un par de esculturas que nunca se viron en Ferrol.

¿É unha reivindicación da súa faceta artística máis alá da propia escultura?
Está moi unida á escultura, porque hai sempre un traballo previo cos bocetos e os deseños, moi fondo. E hai cousas que saen e outras non, que finalmente acaban tendo tres dimensións. Pero incluso as que non fas teñen unha forza estética que me gusta compartir coa xente. Algunhas obras xa se viron e outras non. De todos modos non é esta a primeira mostra de gravados que fago. No ano 98 xa fixen outra co mesmo tema na anterior sede de Sargadelos en Ferrol.

¿Que destacaría da exposición en si e da súa faceta gráfica?
Creo que para quen siga o meu traballo resultará evidente que hai unha continuidade estética nos gravados e nas esculturas. Aí vese que é difícil evitar a miña influencia surrealista.

Non faltarán mañá os amigos, ¿non?
¡Iso espero! Hai unha representación institucional de xente de diferentes ámbitos, desde Diego Calvo, o presidente da Deputación, ata José Manuel Blanco, o alcalde de Narón, ou Yolanda Díaz, deputada de AGE. Pero agardo poder saudar a xente que me fixo a vida máis agradable e a quen teño por amigos.

Por certo, ¿que hai do estudo sobre a súa obra que preparaba a Deputación?
Está xa para entrar en imprenta. Ía publicarse este mes, coincidindo co cabodano de Álvaro, pero ao final sairá a finais de maio. É un traballo espectacular que inclúe textos de Eva Ocampo na faceta biográfica e María Fidalgo, na análise artística. Está editado na colección “Grandes pintores”, aínda que eu sexa escultor esencialmente.

¿Que proxectos ten en marcha Manuel Patinha que se poidan contar?
Un que me costou moito traballo. Vaise facer unha exposición en Anadia (Aveiro), perto de Coimbra, un dos lugares centrais da cultura do viño en Portugal. Alí encargáronme unha escultura que ten que tratar sobre o tema do viño e o fado. Van estar artistas portugueses e españois e me acompaña o meu bo amigo e escultor Paco Pestana.

Cando lle encargan algo así, ¿cóstalle levar a cabo o proxecto ou debe reflexionar moito sobre o tema para acabar facendo unha escultura?
Neste caso estiven a piques de renunciar. Hai algo que teño claro, e é que non por convidarme vou facer unha exposición se o nivel do que presento non me satisfai a min mesmo. A estas alturas non quero baixar o listón do meu traballo. Logo, en canto ao tema, hai que ter en conta que neste caso o fado e o viño son dous dos símbolos de Portugal. Dáballe voltas na miña cabeza e non atopaba un xeito de unilas nunha escultura que me deixase contento dabondo. Así está un, pensando e reflexionando ata que unha mañá o ves claro e a cousa era máis sinxela do que parecía.

Como ve a actual situación da cultura e da arte. ¿Aféctalle moito?
A todos nos afecta. A situación xeral é moi preocupante e tamén  aquí, en Ferrol e na comarca, e o mercado da arte non é alleo, todo é unha cadea e pode parecer que este é un mundo elitista e exclusivista e non é así. Nótase como baixou o número e a calidade de moitas exposicións. Pero, ¿que podes facer? Eu teño a esperanza  de que a cousa volva a normalizarse, na arte e fóra dela. Que a xente que o está a pasar mal volva poder respirar.

“Quixen facer unha reivindicación da miña obra gráfica, sen a que non se entende o meu traballo escultórico”

Te puede interesar